Opinión

Azucre

Aos latinoamericanos de ideas torcidas, a dicir de miña nai, en relación a ser de esquerdas, lévanos a idea ter sempre á man o pasaporte e billetes entre as páxinas dun libro.
O do pasaporte segue igual; o dos billetes, en tempos de cartóns de crédito e bancos no móbil, cambiou unha miguiña. Saibos de tempos en que cruzar a fronteira en boa hora era sinónimo de salvar o pelello.

Outra das cousas que non dou suprimido é o vicio de amontoar azucre sen xeito. Poida que fose mellor gardar fariña ou outras mil cousas, pero na miña vida, en canto houber unha crise económica, o doce era o primeiro que desaparecía. A carestía é amarga de vez. 

Ser boa reposteira tenme permitido salvar os números moitas veces, pagar os libros de estudo ou soñar que un futuro mellor era posible. Aprendín a facer merengues e biscoitos con pouca cousa e, xa antes de que inventasen o da dieta saudable, eu víñaa aplicando no meu día a día. 

O azucre sempre foi para min festa, celebración na boca. Lémbrome dunha vez en Santiago de Cuba, cas dunha admirada lingüista que fora visitar. Serviu un café que ulía de marabilla, e, como unha alfaia, unha manchea de azucre envolto nun pano branco.

Por iso, cando o outro día na porta da tenda vin un home pedindo por lle mercar alimentos, non vacilei: á froita, verdura, leite e algo de carne engadinlle azucre. 

“Graciñas -díxome- e polo doce máis aínda, que o preciso para mastigar cada día a desesperación de velo todo tan negro”. De volta na casa preparei unha torta e fun abondosa co azucre. Pero sóubome amarga igual…

Comentarios