Opinión

Arroz con bacallau

Como de todo, literalmente. Aprendéronme que na mesa do pobre non é bo andar con melindres.

Só hai unha cousa que meto á forza: o bacallau. Síntovolo!  Sei ben que esta declaración pública pode ser causa da retirada do meu DNI galego.

Digo isto para que entendades o meu estado de ánimo  aquel primeiro Nadal nunha casa das rías. Afeita ás comidas cheas de cor , aquel prato de bacallau con coliflor que papei amodo, foi a mellor proba de amor que o meu "peor é nada" podía ter.

A culpa foi toda do Venres Santo. Desde o día antes todo o barrio da miña nenez ulía a  bacallau desalgándose . Disque non se podía correr porque pisabas as almas dos defuntos, pero eu  cruzaba a cociña premendo o nariz para non sentir o ulido, que saía das olas.

A mediodía, na mesa longa, xuntabámonos primos, tías e avós en ansiada caterva. 

Á Mamma, diabética e hipertensa, amante incondicional do bacallau de vixilia, deixábaselle romper a estrita dieta. Poñendo voz de nena pedía "pouquiño, que non dea a volta", e en silencio gozaba do arroz con fabas e bacallau. Nunha reunión daquelas marchara da mesa sen avisar; en vendo que tardaba, fomos buscala ao patio. E alí estaba ela, no medio e medio, pasados os noventa, dando chimpos de medio metro.

-Mamá, que fas?, dixo miña tía Ana.

-Fago sitio para outro pouquiño, que che está ben bo.

Rindo enchémoslle o prato unha vez máis. Desde ese día, cada vez que non me paraban as ansias no corpo, ignoraba o aviso de non correr (que disque o demo andaba solto e Deus de velorio) e saltaba! Cousas da vida, este bacallau, de agora, sábeme a gloria.

Comentarios