Opinión

Acougo

Entre os tesouros da miña nenez destaca un banco de madeira feito na casa. Un banco rústico, lustroso de horas de cofear contra el os meus petos de lona azul. Con el baixo o brazo, corría ao encontro de meu pai cando volvía do traballo.

Despois sentabámonos os dous, no verán diante da porta da casa; na primavera, onda o valo en flor de madreselvas; no outono, contra o fondo da horta, onde caía a última raiola de sol, e no inverno onda a cheminea

Á melodía das cantariñas, as abellas, a follaxe ou as charamelas sumabamos o rumor das follas dos libros e o dos segredos. Moitos anos despois, andaba eu pola zona da Veiga retratando lareiras e escoitando historias.

A señora Otilia regaloume unha das fotos máis marabillosas que teño: ela de negro, cos seus pendentes de ouro pequeniños e as súas mans cheas de sucos, abriu a porta dunha cociña de montaña, desas polas que o fume sae a través dun burato no medio do teito. A única luz viña do lume que ardía no centro. Sentouse nun escano fermosísimo, tatuado de memorias. De entre a penumbra sacou un tallo. Os seus ollos brillaron de emoción lembrando os contos, as tarefas, as cancións, as mans do seu pai traballando a madeira, gravando co seu coitelo no banco un tres en raia que acurtase o inverno.

O aire tornouse azul de fume e de recordos. Fíxose o silencio, roto só polo estralar do dourado das lapas. Os meus ollos enchéronse de bágoas, e, no instante mesmo en que premín o disparador, nese preciso momento, Otilia e mais eu habitamos a pausa calma do que é verdadeiro. Unidas, aínda que no medio das nosas historias houbese un mar.

Comentarios