Opinión

A pedra do cu

Hai uns días, na pausa para o café dunha contada en Coristanco, unha profe, ao saber da miña afección polo patrimonio, preguntoume se sabía da Pedra do Cu. Deseguida activouse o meu modo “curiosidade extrema”, mentres ela me ía explicando como chegar, da seguinte maneira: “En chegando ao cruzamento que di X, non é por aí; ao pasares diante da fonte, tampouco. Pero en canto vires que estás… alí, xusto diante”.

E fun quen de chegar ao lugar sen GPS nin determe a preguntar sequera; alí, ao pé duns carballos, en Rus, onda a capela de San Sadurniño. 

En Galicia, cando andas polo rural e precisas saber algo, ninguén se cruza contigo. Pero basta que queiras pasar inadvertida para que apareza un tractor cargado de millo acabado de apañar, un coche deses sen carné guiado por unha señora que vén de buscar a empanada, o cura e ata un veciño que xusto daquela pasea desde a súa aldea cara ao rego de alá de diante...

Por máis que tentei disimular en nada media parroquia sabía que andaba por alí. Así que nestas, mentres andaba a facer fotos da afamada pedra sandadora (inserida por moedas na regaña central e con algunhas máis arredor), apareceu un paisano que, sen cortarse, fíxome saber que se quería curar as almorrás non era cousa de fotografía, senón de sentar un tempo prudencial para que o invento fixese o seu traballo. Fun guiadiña e senteime cantos minutos o homiño estimou oportuno para a curación, mentres recibía unha boa sesión de anécdotas. Eu non sei se valerá ad futurum, pero para a xente do lugar hai unha mulata coas partes “sas”.

Comentarios