Opinión

A nena da cabaceira

Miña nai aliviaba a economía enviándome cada verán para a aldea.

Que regalo! Campo, liberdade, unha recua de primos e comida a fartar.

Volvía pouco antes do comezo das clases, con roupa "nova" herdada, os xeonllos cheos inzados de cicatrices , o pelo clarexado de sol e río, e cargada de carne, verduras e uns billetes dobrados nun bolsiño.

O condutor do autobús coñecíame ben. Por iso o día desta historia, aínda que miña nai non estaba na parada coma decote, deixoume baixar coa orde de non moverme, de que me sentase no meu trono e xa virían buscarme.

O “trono” viña sendo unha cabaza colosal que teimei en traer. "Pastoreáraa" todo o verán, tanto que a cinta de medir de miña tía Élida non chegaba para saber a súa circunferencia. Recostábame na codia que maduraba mentres lía en voz alta o conto da Cincenta.

O meu corazón latexaba, batía ao ritmo das pebidas que medraban no seu interior.

Non dubidaba de que a fada se inspirara nunha cabaza semellante, para acadar a carroza do baile.

Nesas estaba cando chegou miña nai. Ao redor unha chea de veciños tentaban calcular o peso.

Miña nai dixo que nin tola levaba aquel fenómeno para a casa.

Enfurruñada, senteime máis contra o medio, notando como as pernas non chegaban ao chan. Perdín a batalla: o froiteiro ofreceuse a comprala. Cos cartos dos máis de trinta quilos de cabaza mercamos cousas "máis necesarias", tantas que desde ese día pensei que a fada non tiña nin idea do que era a vida… en vez de axudarlle á pobre Cincenta mandábaa a un baile!

Comentarios