Opinión

A República de Catalunya: unha verdade incómoda

A República independente de Catalunya da que falou Margallo no seu debate con Oriol Junqueras

A República independente de Catalunya da que falou Margallo no seu debate con Oriol Junqueras non será posible sen un acordo entre CDC, ERC a CUP e as entidades soberanistas. Semella unha obviedade, mais non o é. O certo é que o escenario político-electoral consecuencia das históricas eleccións do 27 de Setembro é complexo, e por iso desde unha perspectiva catalá quixera facer algunhas achegas ao debate. 

O 27S o pobo catalán decidía o seu futuro pero enviaba unha mensaxe clara á comunidade internacional. Todos os apoios e contactos da diplomacia catalá estaban especialmente atentos aos escanos, ás porcentaxes e á gobernabilidade que saíra das eleccións ao Parlament de Catalunya. Desde os deputados do Congreso dos Estados Unidos que manifestaron o seu apoio ao dereito a decidir dos cataláns pasando polos seus homólogos daneses que aprobaron unha resolución a prol dunha resolución democrática do asunto catalán. O mundo ollaba, e segue a facelo.

Junts pel Sí presentábase como unha grande forza electoral capaz de acadar un resultado suficiente como para ser a forza clave na gobernabilidade do proceso de transición cara á independencia. Non nos esquezamos, sen Junts Pel Sí non hai nada. Non se terían celebrado eleccións. Máis de 120.000 candidatos e candidatas, na lista electoral máis grande de Europa, dábanlle apoio á lista encabezada por Raül Romeva. Nin aquilo era a lista de Mas, nin levaba un programa de centro dereita. O obxectivo, máis claro que nunca. O histórico: ver xente de Converxencia indo a unhas eleccións coa proclamación de independencia no programa electoral. Nun período de 18 meses, proceso constituínte cidadán incluído. ¿Hai algunha cousa máis revolucionaria?

O histórico: ver xente de Converxencia coa proclamación de independencia no programa electoral. Nun período de 18 meses, proceso constituínte cidadán incluído. ¿Hai algunha cousa máis revolucionaria?

Evidentemente a CUP foi capaz de capitalizar unha parte do voto de esquerdas e independentista, afianzando o apoio do electorado menos afín a Mas. Pero certo é que a CUP non ameaza a hexemonía de CDC (e de Mas, abrazos incluídos) no proceso de constitución da nova República. É dicir, a loita polo espazo central - que non o centro - do independentismo atópase no ámbito da esquerda moderada. Por iso, ultimamente, algúns dirixentes de CDC coma Josep Rull autodefiníronse coma "socialdemócratas". E a CUP aproveitouse, con bo criterio, da boa prensa dos opinadores converxentes. Houbo un voto "hipster" á CUP, diferenciado máis no estético que no ideolóxico. En calquera caso, un éxito comunicativo pola súa parte. 

A verdade incómoda é que a Candidatura de Unidade Popular ben podería cooperar con ERC e os grupos de ex socialistas (tamén con ICV e Podemos en materia social) para encetar un proceso constituínte que acabe cunha República cunha Constitución de esquerdas. Hai quen esquece que, por primeira vez na historia, haberá máis independentistas de esquerdas no Parlament que deputados e deputadas de Convergència. ¿Que é máis importante, unha Constitución de esquerdas ou a presidencia interina de 18 meses no marco dun goberno de concentración? 

CUP ben podería cooperar con ERC e os grupos de ex socialistas (tamén con ICV e Podemos en materia social) para encetar un proceso constituínte que acabe cunha República cunha Constitución de esquerdas

Artur Mas é un dos líderes do proceso, así coma Junqueras, Fernàndez, Romeva ou Baños. Faltan mulleres. Iso si, se alguén quere derrotar a CDC, probablemente o mellor momento é dentro de 18 meses, cando se celebrarán eleccións constituíntes. Naquelas eleccións os cataláns poderemos escoller un proxecto político hexemónico que sexa capaz de redactar unha Constitución, xunto coa participación de todos os outros actores, incluídos federalistas e (por que non?) unionistas. 

A máxima xenerosidade é precisa en momentos trascendentais. E, aínda que ás veces nos esquezamos, en Catalunya comezou a Transición. O pobo catalán deberá pedir a CDC que non critique abertamente á CUP: son precisas as súas achegas e as súas forzas para acadar a independencia. E tamén deberemos pedir esforzos á CUP, que pase a xogar no taboleiro da realpolitik dunha vez por todas. Non hai nada máis serio que crear un Estado, e non podemos votar dous a prol e un en contra. E logo, no novo país, cadaquen será capaz de defender o seu proxecto político. Porque as eleccións do 27S déronnos o mandato democrático para facer a independencia. 

Comentarios