Opinión

Olimpíadas impropias e sen atractivos

"Unha olimpíada feminina sería pouco práctica, falta de interese, sen atractivos e impropia. O heroe olímpico real, na miña opinión, é o home adulto. Os Xogos Olímpicos deberían ser só para homes; o papel das mulleres debería ser, principalmente, coroar os gañadores”. As palabras pronunciounas en 1925 Pierre de Coubertin, o famoso barón que en 1894 creou o Comité Olímpico Internacional e impulsou os Xogos da época moderna.

As primeiras olimpíadas celebráronse en Atenas en 1896 e as mulleres participaron xa nas seguintes de París en 1900. De xeito testemuñal e sen que puidese tomarse como precedente. Tanto e así que en 1920 se prohibiu explicitamente a súa presenza, polo que a francesa Alice Milliat decidiu convocar en 1922 os Xogos Olímpicos Femininos como medida de presión fronte á misoxinia do COI. Unha segunda edición feminina en Suíza en 1926 contribuíu a que polo menos as mulleres puidesen participar en catro probas atléticas dos Xogos Olímpicos de Ámsterdam de 1928. A Coubertin non lle gustou nada: “En canto á participación das mulleres nos Xogos, sígome opoñendo. Vai contra a miña vontade que sexan admitidas nun número cada vez maior de probas”. O escritor Émile Zola atopábase entre a súa cohorte de defensores, que non eran poucos. 

Xa vai alá case un século e segue sendo noticia a paridade nos Xogos Olímpicos. Como se se tratase de atletas, cada edición vai marcando os seus récords feministas. Seúl 1988 destacou porque un país tivo por primeira vez máis representación feminina que masculina. En Londres 2012, as mulleres estreáronse en competir en todas as disciplinas. En Toquio 2020 acadáronse as 18 competicións mixtas fronte ás 9 de Río 2016... Vanse sumando logros e o bombazo é que na capital nipoa houbo máis dun 48 por centro de cota feminina, case ao bordo da paridade. Unha tendencia á que, por certo, España aínda é allea. Levou 188 homes e 138 mulleres. 

A descualificación en igualdade chegaría agora, máis que polos números, pola persistencia de discriminacións estruturais. As mulleres olímpicas son invisibles ata que precisamos de orgullo patrio e irrompen de súpeto nas cabeceiras dos medios cando gañan medallas sen que nada coñeceramos delas antes nin sequera durante (que pasa coas retransmisións?). Despois, convertidas en heroínas, o estupor nos invade cando nos decatamos de que rapazas que hoxe en día teñen tan só 17 anos como Adriana Cerezo tiveron que ser ‘rescatadas’ de ballet ou doutras disciplinas ‘para nenas’. E asistimos tamén con estupefacción ao espectáculo de boxeo que deben dar xogadoras ou ximnastas para conseguir que o COI as deixe vestir cuns centímetros máis de tea co único obxectivo de evitar ser sexualizadas.

Deportistas, como Naomi Osaka ou Simone Biles, foron consideradas débiles, teatreiras ou mentireiras por recoñecer o peso da presión. Outro cabalo de batalla foron os fillos e a lactación. Para os estamentos deportivos, os homes son libres como o vento e non teñen cargas, por iso hai cláusulas antiembarazo pero non de paternidade. (E aquí quero facer un inciso: choca igual ou máis que o mérito dunha medallista como Maialen Chorraut xire para un xornal ao redor dunha cesárea, como se fose algo que nunca lle acontecese a muller ningunha). 

Para colmar o vaso, hai quen aínda se empeña en facer listaxes rancias das olímpicas máis sexy e ten que presumir de ocorrencias. Hai aínda moita xente que, como Coubertin, cre que as olimpíadas con mulleres non teñen atractivo abondo per se. Outra explicación non lle vexo a que os medios reproducisen ata a saciedade o noxento titular “Su Po-Ya, en boca de todos” para rirse do nome da taekwondista taiwanesa. Canto mellor quedaban calados!

Poida logo que lle teñamos que dar a razón ao barón e dicir que os Xogos Olímpicos son impropios. Ou mellor, que continúan sendo impropios porque non pode haber deportividade sen igualdade. Pero a tendencia é moi clara. Ou alguén imaxinaba hai vinte anos tal cantidade de burlas ante a agresiva masculinidade de Djokovic? Oxalá houbese unha única resposta, frontal, ante involucións como a que se está a vivir en Afganistán. 

Comentarios