Opinión

Consignas perversas

Buscar a felicidade perseguindo o cumprimento de expectativas é un bo xeito de non atopala. Non hai mellor modo de acumular insatisfaccións para xerar frustración e esgotamento. As fórmulas máxicas que teñen case como único ingrediente o desexo dunha persoa para que os seus soños se fagan realidade son perversas. Fago extensiva a perversidade ao lanzamento de consignas orientadas á realización persoal, xa sexa a título individual, como de parella ou de nai.

A digresión vén ao caso por este recente titular nun xornal galego: “A partir dos seis meses o chupete ten que ser absolutamente retirado”. Dirédesme que non ten nada de particular, pois trátase só dun máis da lista infinita de consellos sobre crianza cos que se bombardea a discreción, nomeadamente ás nais.

É mentira que os bebés non veñan con manual de instrucións. Traen un feixe deles: biberón ou peito, tempo de lactancia, calidade e horarios de sono, coleito, porteo, perrenchas, dentes, o momento de botar a andar, gardería si ou non, cando e como quitar o chupete e os cueiros... e o peor é que moitas veces os manuais son contraditorios. Non me chegaría o espazo para falar de situacións concretas e surrealistas que vivín con pediatras.  

Na entrevista do devandito titular tamén se recomenda non usar carro de paseo; vense dicir que é un invento para que nais (e pais) anden con despreocupación polo mundo. Afírmao un home, un fisioterapeuta. O xornalista tamén é home. Non sei se teñen fillos nin se os atenden, pero esas ordes que lanzan con tanta alegría lémbranme esoutros seis doutores que protagonizaron un congreso sobre lactación en México. Falarían dende a experiencia! 

En España sufrimos a dicotomía Carlos González vs Eduard Estivill: apego vs condutismo. Os dous son médicos famosos, conferenciantes e escritores; homes ocupados. O primeiro é, ademais, experto en lactancia. Sempre quixen entrevistar as súas mulleres. Foron as súas musas, aplicaron os seus consellos? Tampouco é que me gusten as sentenzas por ser femininas, non hai bebés nin nais nin circunstancias iguais, pero podería concederlles o beneficio da dúbida apelando á práctica.  

En sociedades como a nosa, con graves problemas demográficos, os nenos van camiño de converterse en especie en perigo de extinción. Porén, é tendencia o afán por dirixir tanto a crianza que lle quitan as mulleres toda intención de ser nais. Alá no fondo, do que se trata é de contribuír á sociedade produtiva. A superwoman precisa fillos que non amolen, é dicir, que non sexan nenos. Que non esperten polas noites, que non choren, que non enfermen.

As mulleres están sometidas a milleiros de mensaxes nas que se lles esixe ser traballadoras, nais, parellas e, ademais, reservar tempo para si mesmas e para as súas afeccións. A que non cumpra vai ser criticada: ha ser unha lacazana se renuncia ao traballo e chamaráselle desnaturalizada se ten ambicións profesionais. Atacar sempre o mesmo flanco é máis doado que facer que os homes asuman os seus deberes como persoas que comparten casas e fillos.

Dise, por unha frase da psicóloga estadounidense Estella Ramey, que haberá igualdade cando as mulleres parvas accedan a postos de responsabilidade tal e como pasa cos homes parvos. Eu creo que haberá igualdade cando as nais teñan tanto tempo libre como os pais para facer o que lles peta. Neste pequeno mundo meu vexo homes que saen camiñar, andan en bici, corren, xogan ao squash (ou van ao bar, que tamén contribúe á saúde mental)... mentres as mulleres atenden os fillos. 

Semella que o equipo masculino, tan deportivo el, se conxurou para reverter as estatísticas e vivir máis anos que o feminino. “Se non os envelenamos antes”, di unha amiga nun grupo de guasap de escarnio e maldizer. Secundámola todas. Por se acaso, advirto aquí, é broma. E tamén sei que hai mulleres que van ao ximnasio e ao teatro. Grazas a factores familiares, sociais e económicos que pouco ou nada teñen que ver con calquera mérito ou o feito de cumprir cos mandamentos da superwoman. Non hai dereito á vida para as orfas de rede familiar ou cartos, o que se vén chamando axuda. É así. Pero tampouco hai por que rematalas baixo a presión de 
consignas perversas.    

Comentarios