Opinión

A transparencia non acaba coa corrupción, pero contribúe a combatela

Impulsada por Barack Obama e Dilma Rousseff na Asamblea Xeral da ONU celebrada en Nova York en 2011


Impulsada por Barack Obama e Dilma Rousseff na Asamblea Xeral da ONU celebrada en Nova York en 2011, a Iniciativa de Gobernos Abertos, propuxo unha alianza para mellorar a transparencia, a participación e a colaboración entre gobernos e cidadáns:  “Os nosos países son máis fortes cando tratamos cos nosos cidadáns máis aló dos foros do Goberno", afirmou o presidente estadounidense. Desde entón, máis de 46 países uníronse a esta declaración, entre eles o goberno de España que desenvolveu unha Lei de Transparencia como xerme da mellora da relación político-cidadá. 

Pero non nos enganemos, esta é unha lei de mínimos. Unha lei que non ten sancións específicas ao seu incumprimento e é precisamente este é un dos seus puntos máis controvertidos. A transparencia é un dos alicerces do goberno aberto, unido á participación e a colaboración e, sen os tres, non seremos capaces de mellorar a relación co cidadán. 

Do mesmo xeito que as marcas privadas entenden que é necesario escoitar o que di o seu consumidor, incrementar o seu vínculo emocional e mellorar a súa relación directa, as institucións, o goberno e os políticos, han de entender que só as sociedades abertas, as institucións humanizadas e a facilidade á hora de favorecer unha relación natural entre eles e os cidadáns, serán o único camiño para recompoñer a credibilidade perdida. 

Os países máis transparentes, son os países con menos percepción de corrupción segundo Transparencia Internacional

É certo que non só a transparencia acabará coa corrupción. É certo que as sociedades abertas e participativas non mellorarán de forma unidireccional a relación co cidadán se da sociedade civil non contribuímos a que esta relación se enriqueza co seu bo uso. Pero a realidade é que unha maior capacidade de intercambio de información, de facilidade de trato, de proximidade e de transparencia, contribuirá a ter máis control e tranquilidade á hora de que o cidadán coñeza todo o que se fai por el e para el. Os países máis transparentes son os países con menos percepción de corrupción segundo Transparencia Internacional. É un feito. Dinamarca, Nova Zelandia, Finlandia, son exemplos non só das súas políticas de transparencia, senón de como se relacionan cos seus cidadáns. E insisto, non só pola súa lei de transparencia, senón porque a comunicación é bidireccional, a solicitude de información enténdese desde as institucións como unha prioridade, os seus políticos traballan para dar servizo aos seus cidadáns, e a súa axenda é absolutamente pública, as súas biografías revisables en todo momento e a súa retribución e a súa declaración de bens obrigatoria. E iso é transparencia. Ata que non entendamos que en todo caso non é para aumentar o control, senón para mellorar o funcionamento das institucións públicas, para relacionarnos mellor, porque o coñecemento xera confianza e o descoñecemento, desconfianza. Ata que iso non o levemos no ADN, todas as iniciativas serán poucas. 

Do mesmo xeito que sucede nas empresas privadas, o traballo público, político ou funcionarial, ha de ser iso, público.
 

Comentarios