Opinión

Un comentario sobre "Feminicidio", de Carme Adán

Comezo cos datos técnicos do libro porque estes aportan moita información. En primeiro lugar para aquelas persoas que descoñezan a esta autora, trátase de un libro escrito pola unha filósofa e política galega Carme Adán Villamarín. Pertence á colección de ensaios sobre feminismos que publica a Editorial Galaxia é que polo tanto, está escrito en galego. Dende logo, é un feito de alegría que en galego teñamos publicacións de ensaio con vocación de chegar ao público xeral que aborden os feminismos, a súa produción científica e conquistas sociais.

Nesta oportunidade Carme Adán deléitanos cun libro escrito dende a seguridade de quen é experta na materia o que lle permite enfrontar un tema tan profundo e sobre o que hai tanto escrito, dunha forma directa, sinxela e con diálogos para as lectoras e lectores. Parece que case fose ela quen che vai narrando o texto en baixiño xunto con algunhas experiencias persoais.

Nestes diálogos que a escritora inclúe fai diferenza de xénero e interpela directamente aos homes e as mulleres explicando o porqué das decisións que ela toma como autora, así como guiándonos na lectura dos capítulos. Unha desas decisións nas que quero reparar é precisamente a de escribir este texto en feminino, non en masculino, non en xénero neutro ou infinitos xéneros. Adán decántase polo feminino, e coa soltura de quen domina a metodoloxía e fai dela arte, invita os homes lectores a “saborear o banco da historia por un tempo, aínda que sexa breve, para ollar o patriarcado” (p. 21).

Unha desas experiencias vitais que nos conta a autora que lle aconteceu na Facultade de Filosofía —e que moitas de nos tamén vivimos en carne propia— foi que lle dixeron de xeito despectivo que “se dedicaba a temas de mulleres”, versus o seus compañeiros homes que estudaban os grandes filósofos mortos. Como se non fose suficiente sermos máis do 50% da poboación, que recordar constantemente que somos unha maioría social, e que ademais os temas feministas ou de mulleres, favorecen ao 100% da poboación. O que me lembrou unha anécdota do meu amigo Paco, que fixo a súa tese de doutoramento en Literatura sobre o Quixote, e dicía que era mais fácil estudar aos mortos que aos vivos, porque estes nunca se van levantar a discutir.

Esta obra ademais fará as delicias daquelas persoas que coma min sexamos apaixonadas das definicións, da comprensión de antigos e novos concepto que configuran o pensamento e que na miña disciplina, o Dereito, serán o sustento de novas leis, dereitos ou tipos penais. Neste libro explícanse con delicadeza e absoluta facilidade conceptos como: sexo, xénero, ciborg, queer, patriarcado, lesbicidio, feminicidio, violencia patriarcal, teito de cristal, medidas de acción positiva, mainstreaming de xénero, igualdade de xénero, micromachismos, despatriarcalizar a política, entre outros. Así como que é a epistemoloxía feminista, o ideario dalgúns movementos feministas e as etapas nas políticas publicas.

Teño algunha discrepancia coa proposta de Adán de definir a «violencia patriarcal»

No particular, eu dedícome ao estudo xurídico da  «violencia machista», e teño algunha discrepancia coa proposta de Adán de definir a «violencia patriarcal» como a violencia que ten a súa “raíz común na homofobia, lesbofobia, transfobia, bifobia, que forma parte dunha galaxia de dor infrinxida a quen cruza a raia do ‘natural’ para desafiar a orde establecida polo patriarcado” (p. 67). Para min é mais axeitado referinos a ese fenómeno como «violencia machista», concepto que abertamente alude a ideoloxía machista desta violencia. A ideoloxía en termos penais convértese na motivación para cometer o delito. E sorpréndeme que Adán non afonde nesta cuestión, pola contra, resólvea brevemente sinalando que  o «machismo» “son un conxunto de actitudes e prexuizos derivados da configuración dun sistema de opresión patriarcal” (p. 68), e que «violencia machista» é un termo de uso coloquial, “que fica curta para sinalar as orixes mesmas das actitudes machistas” (p. 68).

Para explicarme cun exemplo é como se etiquetamos o termo «violencia racista» como algo coloquial, cando pola contra é unha das ideoloxías constituínte xunto co machismo dos movementos colonizadores e imperialista que dan lugar a estruturas de opresión con base na discriminación racial, cultural e de xénero. Outra cousa coa que discrepo é a tradución ao galego de femicide por feminicidio e non por femicidio (p. 124), porque para min teñen significados e orixes diferentes, más dende logo Carme Adán acerta ao reclamar a inclusión na nosa lexislación —xa veremos en cal— do feminicidio, cuxo obxectivo é “recoller todas as violacións dos dereitos humanos das mulleres” (p. 130). Mais consciente de que non teño a verdade absoluta, seguirei estudando e repensando os termos.

Volvo estar en completo acordo con Adán cando critica o uso do concepto «lacra social» por reducir a magnitude da violencia a unha especie de enfermidade dos nosos temos, que nos impide avanzar. E propón comezar a definir esta violencia non como unha manifestación de desigualdade e discriminación, senón como o principio sobre o que se sustenta a propia desigualdade e discriminación. Tamén cando en liña co que fan as autoras decoloniais ou postcolonias nos alerta do risco que teñen as políticas de xénero de converterse en elementos colonizadores (p. 114), isto é o que María Lugones denomina colonización de xénero. Ou cando sen piedade fala de mala fe das persoas que conformaban a RAE en 2003 ao negarse a recoñecer o novo significado a palabra xénero que incorporaba a Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de medidas integrais contra a violencia de xénero, e propoñen dende a RAE volver ao concepto de violencia doméstica, precisamente termo que se trata de superar (p. 117-118), impedimentos ou criterios que sinala a autora non se empregan no memento de incorporar na RAE palabras como tuit, rap ou whisky

Quero destacar o apartado Lexislar, a vía legal para avanzar, no que a autora fai un repaso por algunhas das principais leis, entre elas a Lei galega 11/2007, de 27 de xullo para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, primeira lei no estado que crea o coñecido como «salario da liberdade» e non condiciona á presentación da denuncia penal a recepción de axudas públicas as mulleres supervivintes de violencia. Destaco este apartado, porque Adán fai autocrítica en tanto que en esa altura ela era a Secretaria Xeral de Igualdade do Goberno Galego, e recoñece na actualidade como insuficiente a consideración da «violencia de xénero» como unha forma extrema desigualdade, para corrixir esta situación proponos que entendamos e definamos a violencia como o instrumento máis potente do patriarcado para manter e reproducir a desigualdade (p. 122).

Outro motivo polo que este libro debe ser lido é pola cantidade de datos que aporta e feitos históricos

Outro motivo polo que este libro debe ser lido é pola cantidade de datos que aporta e feitos históricos, ou seguindo a terminoloxía feminista herstory, especialmente os relacionados coa historia de Galiza. Destaco aquí dous: o primeiro, que xa a nosa pioneira do feminismo decimonónico Concepción Areal propuxo o termo xenicidio (p. 128); e segundo, que en liña co Tribunal Internacional sobre Crimes contra Mulleres de 1976 inaugurado por Simone de Beavouir en Bruxelas onde Diana Russell propón por vez primeira o termo de femicide, na Galiza fíxose o Tribunal de Mulleres contra a Violencia Sexual o 5 de marzo 1988 (pp. 125-126).

Para ir finalizando quero destacar desta obra a sinxeleza coa que está escrita. Ser capaz de escribir un libro que contén tanta información dende unha ollada antirracista e descolonizadora, onde se dá visibilidade as persoas LGBTIQ. Situando o debate dende un punto de vista galego na nosa realidade local, e pondo en diálogo as nosas autoras, coas figuras internacionais na materia, e facelo para todos os públicos é verdadeiramente difícil. Así que este libro é ideal para aquelas persoas que se achegan por primeira vez aos feminismos, para aquelas que xa teñen formación, e tamén para aquelas que son doutoras na materia.

E por último sinalar que este comentario está escrito por quen necesitou estudar a epistemoloxía feminista e aí neses estudos polo ano 2015 descubriu a filósofa Carme Adán, e non entendía como nunca ninguén despois de tantos anos de carreira e militancia no feminismo en Galiza me pasase un texto dela.

Comentarios