Opinión

Non é heroísmo, senón responsabilidade

Estannos a pedir grandes esforzos á cidadanía para facer fronte a esta pandemia. Especialmente significativo é o desvelo que viven aqueles sectores profesionais que están en primeira liña de acción: as mulleres e homes da sanidade (sen esquecer aqueloutros sectores profesionais que tamén se expoñen moito: persoal de limpeza e sector da alimentación, transporte, forzas de seguridade…). E para os profesionais da sanidade, aceptar a situación que estamos a vivir non é doado. Estaban preparados e adestrados para atender as situacións críticas que se presentan no traballo diario. Tamén para enfrontárense a grandes catástrofes (accidentes aéreos, marítimos ou terrestres, ataques terroristas etc.).

No entanto, agora é diferente: os recursos materiais e tecnolóxicos para combater esta pandemia son insuficientes. Descoñécense marcadores de enfermidade severa antes de que esta se desenvolva. Ignórase que tratamentos son máis eficaces. En definitiva, os esforzos céntranse tan só na contención de novos contaxios e en dar tratamento aos contaxiados que desenvolven clínica.

Neste contexto de incertezas, moitos profesionais sanitarios de diferentes especialidades están implicados na contención desta pandemia e no tratamento dos enfermos. Entre todos traballan arreo para facelo posible. Pero a situación límite que se vive a nivel profesional xera moita tensión. Con máis medios non estaríamos abocados a tanto dilema moral de imposíbel resolución, e moi custosa execución. A quen damos a oportunidade de se salvar? A unha moza de 25 anos? A un home de 40 con problemas respiratorios? A unha señora de 55 que tivo un cancro? A un señor de 60 que nunca tivo problemas de saúde? Quen nos pode garantir que estamos a tomar a decisión correcta? Acaso os comités éticos profesionais non deberían ter máis protagonismo nunha situación coma esta?

Estamos a falar de persoal sanitario: persoas, non robots. O esgotamento físico e emocional anda a facer as beiras do corpo sanitario, e non só polo que viven coas súas propias experiencias, senón ao escoitaren as vividas por outras compañeiras e compañeiros. Ademais de cansazo tamén se sente medo. Si: ao contaxio por non dispor de recursos materiais suficientes (EPI, máscaras, luvas etc.); medo de contaxiar os seres queridos xa de regreso nos fogares. Mais non por iso podemos deixarnos sobrepasar. Nin o persoal sanitario nin ninguén.

O persoal sanitario agradece os aplausos que cada serán nos serven a todos para facermos piña e xerar novos folgos. Pero non devece por facerse o heroe. Isto non é unha guerra. Abonda xa de analoxías belicistas pouco edificantes. Todos somos, unicamente, responsábeis do noso traballo, de poñer o mellor de cada quen para salvar vidas humanas, para satisfacer as necesidades básicas de alimentación, para que cheguen as mercadorías ao seu punto de destino, manter a seguridade, informar… pero non formamos parte dunha "guerra". Non podemos ser soldados porque pódenos o sentimento pacifista e porque isto é unha pandemia, non unha guerra. Isto non é a bancada dun estadio deportivo no que un adestrador encirra na súa equipa para ir a por todas, como sexa, para vencer o rival/inimigo: "A por eles!". Cremos que se está a utilizar de xeito perverso a linguaxe.

É unha mágoa que desde un executivo que se reclama progresista e de esquerdas, se estea apelando tan recorrentemente á analoxía militar. Apostemos máis polo espírito colaborativo. A solidariedade entre persoas, entre colectivos, crea lazos máis potentes e xestiona mellor a intelixencia emocional que a constante apelación belicista que, coma un foguete, bule no seu ascenso, pero despois todo é palla. E a frustración é moi mala amiga da perseveranza e a resistencia necesarias para esta carreira de fondo... E non crea lazos solidarios, senón que os rebenta.

Servando López (Anestesiólogo no CHUAC e Presidente da Sociedade Galega de Anestesioloxía, Reanimación e Dor)

Farruco Graña (Profesor de Filosofía no IES Marqués de Casariego )

Comentarios