Opinión

O vestido de Pedroche e o bufón baboso de Chicote

Os medios de comunicación de masas son instrumentos globais que representan, resignifican e afirman perfís humanos. As súas mensaxes (mandatos, normas, reafirmacións do que outros agardan das mulleres) circulan por millóns en todo o mundo, de xeito instantáneo e uniforme.

No caso dos países occidentais as mulleres están cada vez máis integradas no mundo dos medios de comunicación. Nos últimos 30 anos a escritura das mulleres invade redaccións de libros, revistas, telexornais e xornais; de redaccións electrónicas, de páxinas web. A muller representa o 50% das cabezas que elaboran os contidos de programas de radio e televisión.

Porén, todo isto non xerou un cambio nas mensaxes dos medios nin influíu no xeito no que se selecciona e xerarquiza a información cotiá. Se miramos os grandes medios chegaremos á conclusión de que no mundo só hai homes e de que son os homes os que fan as cousas importantes.

Para o que si usan ás mulleres os medios de comunicación é para enriquecerse. Pero non en base ao seu talento ou profesionalidade, senón maioritariamente, en base ao seu físico. O Código Deontolóxico da FAPE di que o xornalista extremará o seu celo profesional no respecto aos dereitos dos máis débiles e discriminados, polo que debe manter unha especial sensibilidade no paso de informacións ou opinións de contido eventualmente discriminatorio ou susceptible de incitar á violencia ou a prácticas humanas degradantes. Pois ben, abonda con ver os comentarios nas redes sociais de Cristina Pedroche para ver que as pintas que lle poñen en cada Noitevella provocan unha violencia verbal absoluta contra a súa persoa e, por extensión, contra as mulleres. Non serei eu quen xulgue a decisión de Pedroche, neste caso, a levar o vestido que sexa, o que si xulgo é aos medios de comunicación que esquecen a función pedagóxica que, a priori, se lles atribúe.

Abonda con ver os comentarios nas redes sociais de Cristina Pedroche para ver que as pintas que lle poñen en cada Noitevella provocan unha violencia verbal absoluta contra a súa persoa e, por extensión, contra as mulleres

A Antena3 tanto lle ten que levemos xa dúas asasinadas este novo ano. Permitiu que Chicote, no papel de baboso total lle dixese á presentadora frases como "Vamos a ver qué hay debajo de esta batamanta, enséñanos lo que hay debajo" e "Has sido tú la que nos ha calentado". E ela, moi metida no papel de tonta do bote contestaba “no soy una luciérnaga”. Porque o problema non é que Cristina Pedroche saia ensinando cacho en Noitevella (que tamén) é que representa a esa muller corta de luces, non moi espabilada, que lle ri as grazas ao macho alfa.

Ademais, o vestido de Pedroche cada Noitevella ensínanos dúas cousas: a primeira que tes que ser muller branca, guapa e delgada para triunfar. A segunda que, para iso, debes someterte a un home. Aínda que che diga que fuches ti a que quentaches o ambiente. Iso si, non importa que Chicote teña uns quilos de máis e faga o papel de bufón-baboso. A el vaille ir ben igual. Cun esmoquin (iso si, ben tapado), amañamos. E ademais, todo un machote por dicirlle iso á súa compañeira de cámara. E esa é a mensaxe que envían, ano tras ano, os medios de comunicación e que resignifica e afirma o papel da muller como obxecto. E esa perigosa resignificación implica que cun obxecto podes facer o que queiras: violentala verbalmente pola rúa, agarrala pola cintura cando che pete, violala nun portal ou matala.

Comentarios