xoves 16.07.2020

Sen Cayetana

Teño a convicción de que Cayetana Álvarez de Toledo non vai aparecer pola campaña galega. Pode que nin ela nin, en xeral, ninguén de fóra do PP galego máis alá do propio Casado (e porque quedaría moi mal que non viñese). Incluímos no lote de mitineros a Mariano Raxoi e a Ana Pastor porque xa son de aquí e, ademais, non andan por aí chamándolle terrorista ao pai de ninguén (que sempre é algo a ter en conta). A campaña galega pouco ou nada vai ter que ver coa vasca. Nos resultados verase cal é a alma do PP que ten a mellor estratexia. Polo que parece, píntalle mal á alma FAES/Aznar. O presidente galego encargouse de poñer os logos do PP a tamaño mínimo na cartelería da súa campaña. Non vaia ser que ninguén pense que ten algo que ver con eses deputados das cortes españolas de comunicación e formas tan perigosamente análogas ás da ultradereita.

comentarios