Opinión

'Winter is Coming'

Son as tres da mañá e non teño sono. Levántome da cama para coller o portátil. Non me gusta ter tempo libre, penso demasiado.

Adianto algo de traballo ou continúo coas correccións do artigo científico que xa me declinaron polo menos dúas veces? A parte de todo, case nunca aceptan artigos con unha única autoridade, e iso non o podo cambiar eu. Agora, desconectada da Universidade, todo é máis difícil. Pero o traballo está feito e non quero sentir, daquela si, que perdín o tempo.

Na publicación científica, o 90% dos artigos son revocados na primeira lectura: a do editor. Só un pírrico 10% supera esta primeira criba. Desde 10% a metade son denegados polos colegas, na revisión por pares cegos. O 50% que se acepta, dese escasísimo 10% inicial, son manuscritos que requiren cambios profundos na abordaxe ou na redacción dos resultados de investigación. Cambios que te empantanan por semanas, sen ningunha garantía.

Neste sistema inadmisíbel da investigación científica todo o mundo cobra salvo o investigador que, afogado perante o abismo dos gastos ordinarios, acaba por sucumbir ao clientelismo do catedrático ou do grupo de fraudulenta coautoría de rigor.

De fondo, entre imaxes de bombardeos e trafulcas políticas, o presentador do 24 horas recórdalle ao telespectador que virá un inverno duro: de suba de prezos, escaseza de gas, suba de tipos de interese, aumento dos micro-créditos, unha débeda pública desbocada...

Venme á cabeza o lema dos Stark, a famosa familia coa que arranca Xogo de Tronos: "Winter is Coming". Aproxímase o inverno. Na ficción, os protagonistas máis novos son fillos da primavera. Nados cando os tempos eran mellores e as colleitas frondosas.

A miúdo dinnos que tamén nós, millenials (1980-1993) e Xeración Z (1994-2010), somos fillos do bo tempo e da abundancia; que, ignorantes do duro inverno, descoñecemos a frustración e a poupança. E coma na novela, anúnciannos, de cada certo tempo, o fin da canícula.

"A xente de agora...". Así comezan todas as boas frases que acaban cunha crítica mordaz á actitude de quen se queixa perante a implacábel voz da tradición.

En parte, como consecuencia de interiorizar a lenda que nos di que existe unha correlación lineal entre o nivel de estudos e o posto de traballo, os ilusos millenials e Xeración Z esperaban optar a un posto estable no que puideran medrar persoal e profesionalmente, logo de sacar dúas carreiras, tres mestrados, saber idiomas, facer exercicio e ser viaxados.

Obviaron, eses científicos da Universidade da Vida que promulgaron tan infausta teoría, o factor estómagos agradecidos. Trobadores que cantan polos bares homenaxeando a obra de Vicente Risco. A dun porco de pé ao que logo de noventa e catro anos aínda non lle chegou o seu San Martiño.

Desequilibrios territoriais, protección das minorías, defensa do medioambiente, igualdade entre homes e mulleres, saúde mental, soldo digno, vivenda, regulación do aluguer, conciliación familiar, cidades sostibles, saúde sexual e reprodutiva... Son, para os cuñados do sistema, temas pusilánimes. Prescindibles. De frouxos: estando todo feito, vimos deixar caer, precisamente, as boas costumes. Dirán.

"Ninis", "xeración de cristal"... Non deixan de ser verbas que confirman a crítica histórica de ser humano á timorata xeración que o continúa. Eu, pola contra, nesa xente da que fago parte, vexo valentía, pensamento crítico, resiliencia, empatía, ganas de desenvolverse persoal e profesionalmente, de beber a vida, de desfrutar. Pero tamén vexo e sinto a desilusión, o medo ao fracaso, a frustración, o desemprego, os traballos precarios, os anos —que pesan—, os plans que se esfuman...

Cada nova xeración avanza nos temas que lle preocupan e atinxen. Nada está mellor nin peor, nin o camiño completado. Por suposto, necesitamos de quen sabe máis por vello que por demo e de quen ven con forzas renovadas e mirada limpa para depurar o que naceu purrela.

Interrómpeme de fondo o espertador.

Parece que toca arrancar de xoves sen o artigo revisado nin o traballo adiantado. Quédome con que a xente de hoxe sabe apañar un xersei cando vén o inverno e sente frío.

Comentarios