Opinión

Po' pobre sempre é noite e cando amence chove

O pobre estorba e beneficia a partes iguais. Por un lado, constitúe un remanente de xente no paro que lle aporta ao que está en activo a sensación de ser substituíble; e por outro, estorba cando quere continuar camiño na procura dunha vida mellor.

Resulta que o rico, digamos "Occidente", ten os cartos e a tecnoloxía para: percorrer libremente calquera parte do mundo, tirar unhas fotos exotiquísimas ao lado dunhas favelas —sen que por suposto lle rouben o smartphone de última xeración ou o peluco, viaxar a Marte, abrir xacementos para a extracción e exportación de minerais, pescar nos caladoiros dos ninguén... Cazar elefantes.

No verán é cando se forma o lío, e non precisamente polos milleiros de ingleses e alemáns que chegan ás costas españolas. Alguén imaxinaría que na Palma ou en Torrevieja o recibisen a paos? Porque eles tamén veñen e déixannos sen after sun, sen cervexa fría, sen sitio para a toalla, sen asento nas terrazas, sen balcóns con vistas á piscina... Pero son ricos. A ollos dos que temos pouco, eles son ricos. E recibímolos nos aeroportos, con palmas nos bares, sen restricións Covid.

Ai, pero pobre do que chegue a estas mesmas costas procedente de África! Entón, ademais de traer a Covid e unha ducia de enfermidades potenciais, vén vendernos tenis e bolsos de imitación. Ou de América Latina, tamén terríbel. Casar cos nosos maiores e sacalos do sopor. Non pode ser. Inda que vaian aos bares e paguen as consumicións ou aos supermercados e paguen a compra. Non vale. Seguro que o fan para despistar e logo, á mínima de cambio, tíranlle polo colar de perlas a unha señora vestida con traxe de tweed.

Claro que si. O problema é do que vive nos 'mundos de Yupi' e pensa que non lle poden sacar o traballo. Se non o fan é porque non queren traballar. Todo o mundo sabe que, en realidade, veñen a España cobrar eses cheques de 400€ que ten a Administración gardados nas gabetas para eles. Cos que, ademais de pagar o aluguer, pagan: comida, luz, auga, roupa, transporte... e unhas televisións de plasma que venden en Valencia.

Non ten culpa ningunha que teñamos unha economía precaria para a que non se precisa titulación. Nin que a elite fifí do Estado se conforme a base de rentistas parasitarios con pretensións, que se colocan en bos postos de traballo con nomes en inglés, e combinan camisas de cores pastel con náuticos e borlas —agora tamén veranean en San#$!3&0—. Nin os denominados "pillos", un colexio profesional de persoeiros que xiran arredor dos nosos políticos asesorándoos desinteresadamente nas licitacións públicas.

Fai uns anos que vin na televisión unha reportaxe con un rapaz moreno que primeiro ía vestido de piloto e buscaba como ir ao Aeroporto e logo era un rapaz normal, vestido con camisola branca e vaqueiros, preguntando pola mesma localización. Por suposto, ao piloto todo o mundo se lle parou e tratou de axudalo con amabilidade. Ao rapaz da camisola... intúese que o encomendaron a San GoogleMaps. A reportaxe cerraba co presentador dicindo que España non era racista, era clasista.

Instalados nunha riqueza fráxil, que convida o rico e non lle serve auga ao pobre, non lle perdoamos a unha parte da poboación do mudo que ouse vir sen diñeiro: ben para gastalo; ben en forma de contrato de traballo, para xeralo. Pobre do pobre! Que non acerta nunca.

En canto ao Goberno, gardián da soberanía popular... O útil devén en correcto.

Para Maquiavelo, pai da Ciencia Política moderna, a toma de decisións debe efectuarse segundo as circunstancias manden. O binomio Honestum et Utile, 'correcto e útil', tan frecuente na altura como dilema moral inseparábel da doutrina cristiá, Maquiavelo despáchao con unha solución nitidamente práctica: se é útil, é correcto.

Segundo esta máxima maquiaveliana, ningunha decisión en política é boa ou mala. O criterio de bondade fíxao o futuro. Así, as ordes tomadas nestes días contra os rapaces do cercado de Melilla son correctas, en tanto que eficaces á hora de frear a entrada dos ninguén. Ao menos deses.

Conclusión: po' pobre sempre é noite e cando amence chove.

Comentarios