Opinión

A natureza como actor político

Un actor político é unha unidade de referencia. Un conxunto que aglutina, en torno a intereses converxentes, percepcións, problemas e intereses comúns; como tal unidade, exprésase. Xeralmente referímonos a individuos -a persoas- e falamos de movementos sociais, partidos políticos, grupos de interese. Pero, e a natureza? É a natureza un actor político silenciado? Arredado das decisións importantes aínda cando lle atinxen directamente. Como nos afecta iso?

Outra particularidade dos actores políticos é a súa capacidade para expresar vontade e actuar en consecuencia. A natureza déixanos, cada vez máis, “fenómenos climáticos adversos” nos que recupera terreo que xa era seu.

Así é como o individuo, dende a primeira revolución industrial, desanimou e dominou a natureza ao seu antollo, relegándoa a un papel máis que secundario, á altura de decorado expositivo. De lenzo impertérrito ante o teatro da vida acumulativa capitalista.

E agora vai e resulta que nos damos conta de que a natureza é un sistema, un conxunto ordenado de normas e procedementos que regulan o funcionamento do grupo; que a única peza discordante é o ser humano, que salvo pola enfermidade, non ten depredador que o regule; e que este se separou tanto da súa orixe natural que non a entende nin a respecta.

No Cumio do Clima -COP26 Glasgow 2021- falouse de 2030, nove anos nos separan, como un novo punto de non retorno no cambio climático. Se pensamos que a atmosfera é un sistema caótico -polo menos para o entendemento humano- que complica o prognóstico meteorolóxico máis aló das dúas semanas vista, non quero pensar o que poidan significar todos estes anos de maltrato natural e para co resto de especies, nesas futuras contrarréplicas do medio.

A natureza é un sistema, un conxunto ordenado de normas e procedementos que regulan o funcionamento do grupo e a única peza discordante é o ser humano, sen depredador que o regule

Non é sinxelo. Poucos inconscientes quedan do consumismo e a contaminación que xera a nosa forma de vida -antes que satisfactoria, aditiva-. Desnaturalizados e deshumanizados, temos medo do futuro. Sobre todo dun futuro alternativo que, necesariamente, miramos cos ollos do coñecido.

Se como di Arendt na Condición Humana, o terreal tamén nos define, quen coma Mafalda pide que se pare o Mundo que se baixa? A Central Térmica das Pontes, Alcoa, Ence... tantas empresas que logo dos anos que levan, sabemos os prexuízos que causan. Ninguén, mellor que os que viven preto. Pero non queren que pechen. Os propios partidos políticos contradinse aprobando leis de protección do medio o mesmo día que reclaman a continuidade das empresas que o devastan.

A receita de Bill Gates, por exemplo, seguir con este sistema de consumo voraz e esparexer partículas diminutas nas capas superiores da atmosfera para dispersar a luz do sol e arrefriar así o planeta. Descoñecemos o alcance de algo así, mesmo no comportamento da especie humana. E se no futuro comezan as novelas describindo un ceo e un mar azul para determinar un tempo anterior? Se ao abrir a ventá debemos protexernos con enormes cúpulas dun sol ígneo?

“A néboa é un dos grandes inimigos dos condutores durante os meses de frío”, din os titulares en alusión á A-8, que no punto do Fiouco é un problema, en realidade, case todos os meses do ano. O paradoxo é que nese punto xa había néboas antes de adoptar a decisión política. Pois ben, agora proban con un sistema de difusión automático por aspersores de materiais higroscópicos que, mediante unha pérgola, difunde unha sustancia que absorbe a humidade logrando aglutinar as gotas de auga no aire, que pesan e precipitan en forma de choiva. Coma se o pavimento mollado xa non fose un problema para o condutor.

En resposta ás preguntas iniciais: si, a natureza é afortunadamente un actor político, que como vai por libre e se manifesta alleo ás incongruentes vontades humanas, ponnos o freo e os pés na terra cando o disparate é dilatado. Veremos agora se entendemos tarde os seus avisos e como se comporta nunha política smithiana, de amigo-inimigo, como a que viñemos empregando ata aquí con ela, eliminando o que nos estorbaba e limitando o alcance da vida que nos interesaba.

Comentarios