Opinión

Imperialismo lingüístico

Johan Galtung é un sociólogo e matemático que se ten situado como un dos protagonistas indiscutíbeis cando, en Ciencia Política, se abordan as teorías sobre paz e resolución de conflitos. Este pensador noruegués cita cinco tipos de imperialismo.

O imperialismo económico (1), baseado nunha interacción Centro-Periferia vertical; na monitorización por parte da Nación Centro á Nación Periferia; e un contínuum de exportacións da Nación Periferia á Nación Centro, que esta última controla baixo demanda. O efecto combinado é unha dependencia económica da Periferia co Centro.

O imperialismo político (2), onde o poder de decisión na Nación Periferia anúlase en favor da Nación Centro. Un imperialismo militar (3), no que o Centro ofrece seguridade e protección á Nación Periferia. Imperialismo comunicativo (4), as Nacións Periferia non escriben nin len moito sobre outras Nacións Periferia; máis ca de si mesmas, len da súa Nación Centro; é a Nación Centro a que converte en noticia o que acontece na Periferia, na medida que lle importa ou interesa; e finalmente, é a Nación Centro a que exporta noticias ás outras Nacións Centro.

Sitúase, por último, o imperialismo cultural (5), no que a Nación Centro proporciona os contidos á Nación Periferia, de modo que debe impartirse e ensinarse aquilo que o Centro marca ou permite como contidos obrigados.

Galtung pensaba esta argumentación como principio estrutural dun imperialismo feudal, entre os que hoxe coñecemos como Estados. Mais perfectamente extrapolábel á forma de distribución do Estado español, onde uns non sabemos dos outros e o Centro descoñece totalmente as dinámicas da Nación Periferia. Só así se entenden algunhas palabras a respeito da lingua galega e os seus falantes.

España componse de múltiples particularidades, todas elas ricas e interesantes, que nos son, con todo, descoñecidas. Non así a madrileña, cuxos problemas e dinámicas ultimamente asumimos como propias. Verdadeiramente a infosaturación da vida na améndoa central, pois a propia capital do Estado descoñece a vida dos seus barrios e municipios.

Nos medios "acoden ao neutro". Os idiomas do Estado non son elixíbeis como optativa entre as segundas linguas posíbeis nos currículos educativos dos escolares españois. Os acentos son unha rara avis, que por veces hai que xustificar. A cultura das rexións pasa pola peneira da Nación Centro, que como o teléfono escarallado, exalta e ensombrece aquilo que quere, conformando un esperpento que avergoña.

No pasado, durante o período coñecido como "colonialismo", o método empregado polo Centro para establecer o seu dominio sobre a Periferia consistía na ocupación, é dicir, no traslado físico dos nacionais do Centro á Periferia. Despois da descolonización, o dominio do Centro evolucionou cara ao "neocolonialismo". 

No presente, o control non é do tipo directo e concreto que se daba no pasado. Transmítese a través dos medios de transporte e comunicación que unen os dous centros. O control é menos explícito: agora non se trata dunha presenza física, senón dunha conexión que toma a forma de organizacións, onde a harmonía de intereses entre ambos centros maniféstase cando o Centro e a Periferia se fan membros das mesmas entidades (para o caso, partidos políticos, medios de comunicación, grandes 
empresas, asociacións).

Comézanse a ver, coma un mar de fondo, as reivindicacións das Periferias. Novos partidos políticos, formacións que re-emerxen dunha longa noite de pedra, folgas e manifestacións pola mellora da vida e as infraestruturas na terra dun... Galtung trazaba como liña cara a que camiñaba o imperialismo a caída e disolución dos grandes organismos internacionais, que con comunicacións máis próximas e directas, carentes da intermediación das Nacións Centro, permitían ás Nacións Periferia tomar conciencia e dimensión de si mesmas, diluíndo a concentración de poder dos grandes conglomerados. Hoxe é o tempo das Periferias, de todas elas. Na salvagarda da diferenza, radica a esperanza.

Comentarios