Opinión

Decrecemento ou Matrix

Hoxe, o progreso económico dun país mídese —nunha parte moi importante— pola porcentaxe de suba que observa o seu Produto Interior Bruto (PIB). Con todo, está cada vez máis presente no debate político a idea de decrecer. Un termo do que, previsiblemente, se falará máis nos próximos anos. 

A idea de decrecer, para ofrecerlle á natureza a posibilidade de rexenerarse, nace da crítica a un imposíbel: pretender expandir infinitamente a nosa economía, nun planeta de recursos finitos. Calcúlase que dende 1990 vivimos por riba da capacidade de carga do planeta. Sabemos que hai que consumir menos e facelo con máis tino: partillar, reparar, racionalizar, re-empregar, etc. O problema é que a medida que a economía se expande, tamén o fai o consumo de recursos, os residuos, as emisións, as enfermidades, as nosas necesidades.

A película Matrix ofrécelle ao espectador un interesante diálogo entre os protagonistas Morfeo e Neo, nun imaxinado ano 2190. Ambos se atopan nunha habitación branca, adimensional.

Este é o construtor. É o noso programa de carga. Cargamos o que sexa, dende roupa ata instrumentos, armas, treinamentos simulados, todo o que necesitamos. O teu aspecto actual é o que chamamos unha "auto-imaxe residual", a proxección mental do teu eu real.

Como definir real? Se te refires ao que podes sentir, ao que podes cheirar, gustar ou ver, o real son sinais eléctricas interpretadas polo teu cerebro. O mundo que ti coñeces só existe como parte dunha simulación interactiva neural que chamamos 'Matrix'. Este é o mundo tal como se ve hoxe: benvido ao deserto do real.

Só temos algúns fragmentos de información, pero o que si sabemos é que, en algún momento, a principios do século XXI, toda a humanidades estaba unida no seu entusiasmo, admirándose do noso atrevemento ao dar orixe á IA, a Intelixencia Artificial. Unha singular conciencia que xerou toda unha raza de máquinas. Non sabemos quen atacou primeiro, pero si que nós arrasamos o ceo (...) Que é Matrix? Control. Matrix é un mundo imaxinario xerado por ordenador. Construído para manternos baixo control e converter o ser humano nisto [Morfeo móstralle a Neo una pila de 9W].

Eu imaxino os montes galegos, agora tamén os mares, ateigados de eólicos en desuso, podrecendo sobre un manto que un día foi fértil. A xente nas cidades vivindo en colmeas, sen saber uns dos outros, pero permanentemente conectados a un mundo global que os arreda das casas, que caen no rural, e das terras que ninguén labra.

Xa que logo, da que pensar: Facebook fálanos do Metaverso, un mundo virtual no que conectarnos a través de dispositivos, interactuando cos elementos e as persoas nun entorno totalmente inmersivo; e a tecnoloxía, é vista como a solución a todos os problemas que van aparecendo. Por veces, pregúntome: decrecemento ou Matrix?

Comentarios