Opinión

A concepción capitalista do tempo

A concepción do tempo capitalista non hai tanto que chegou a unha Galiza bebedora desa idea de circularidade que aporta a natureza e a forma de vida no campo. Onde cada nova estación permite volver comezar e onde o mundo dos mortos e dos vivos se entretece dunha forma natural.

Nas culturas occidentais a concepción do tempo é lineal: pasado, presente, futuro. A medición do tempo nestas sociedades leva a consideralo algo predicíbel e delimitado. Minutos, horas, días, semanas, meses, anos, estruturan os intervalos dos que un pode dispor para planificarse. Tamén para "aforrar" tempo. Sobre esta concepción, o tempo é finito e valioso. Un recurso limitado: o tempo é diñeiro.

Pola contra, nas culturas que perciben o tempo de maneira circular, como as orientais, enténdese que este non ten principio nin fin: que é infinito. Non pertence a un mesmo, e supera o valor monetario. De feito, a reencarnación é unha idea subxacente deste pensamento. Así como que as cousas importantes poden demorar unha eternidade.

Os sucesivos procesos de industrialización trouxeron consigo fortes tensións culturais entre a forma de entender o tempo nas sociedades primarias e a estruturación lineal dos procesos industriais, nas novas sociedades industrializadas. Delimitando, mesmo, o período e tipo de ocio.

A concepción capitalista do tempo, como digo, non hai tanto que chegou a Galiza. Eu aínda podo recordar que na época da colleita, no meu caso da pataca, os veciños arrancaban unha tourné que duraba arredor dun mes, polos terreos da parroquia. Onde se apañaba ou sementaba por volta das dúas horas, e as restantes da tarde consagrábanse a dar boa conta das empanadas, chourizos, viño e refrescos que traía a señora da casa onde se recollían ou botaban ese día os tubérculos.

Á sombra dun carballo, todos lembraban épocas mellores, onde ían ao salón ou ás feiras, e vían a Xan ou a Pedro, e lles acontecía isto ou aquilo. A vida non se trazaba en termos de racional temporalidade. O tempo monetizábase doutro xeito.

Agora, vén o tractor, que cobra por hora, interesa comezar rápido e acabar cedo —porque o señor do tractor ten outros tarreos— e os veciños xa non se xuntan como se xuntaban porque o mellor viña despois.

En moitas casas, coma na miña, hai anos que non se sementan xa patacas. O razoamento que se estende é que a pataca non vai cara e non compensa.

Como tampouco compensa mercar xa o variado de biscoitos Cuetara ou as galletas de manteiga danesas das que se lles aproveitaba a lata como caixa de costura, ou para gardar algunha foto en branco e negro cos bordos adentados. Hoxe, amoece todo agardando pola "visita". Aquel saudar inesperado que facía un veciño ou familiar para preguntar como fora no hospital ou para traer un xogo de toallas porque casaba o fillo.

"Nin mellor nin peor, distinto". O que é claro é que afectou a todo. A forma de enfrontar a morte, tan característica na nosa terra, tamén se vai sumindo nun mar de individualidade que o condiciona todo.

Na nosa Galiza a morte era algo cotiá que se agardaba coma calquera outro evento da vida. Duraba algo máis de 24 horas e todos os veciños eran convidados a compartir e parolar arredor

 

do defunto, na súa casa, acompañando na dor á familia. Non se pechaban as portas nin se limitaba o dó. Coma case todas as áreas da vida cotiá, a morte era algo compartido.

Tampouco a vida era unha carreira por durar máis nin vivir mellor. Simplemente acontecía.

A individual linealidade de pensalo todo en termos de principio e fin, abáfanos. O considerar que todo comeza e remata con nós e os nosos, entristécenos. Ser únicos, condiciónanos.

A cronofobia, ou medo ao paso do tempo, e unha fobia rara que parece ser máis común nas sociedades occidentais. Nas que o individualismo da razón vai premiando ao acubillo de estruturas produtivas mercantilizadas, do desenvolvemento económico, a urbanización, a complexización cultural e o paso da familia extensa á nuclear. Retrocedendo, da man do "progreso", a actitudes pouco saudábeis e isolacionistas de enfrontar a vida.

Aínda hoxe a virtude está no xusto termo medio.

Comentarios