Opinión

Coma un corzo de Lugo

Busco un texto, imaxe, vídeo ou son para realizar o meu último exercicio dun mestrado que matriculei en setembro sobre análise política. Finalmente, atopo algo que me chama a atención. Un anuncio en Tui que vende táboas ECOLÓXICAS (así, en maiúsculas) para pendurar un cartaz que di "COTO PRIVADO DE CAZA".

Á marxe do paradoxo de unir na mesma frase "ecolóxico" e "caza", non é iso o que máis chama a miña atención. En procuras relacionadas, vexo un corzo que se desangra baixo un título que proclama "RECECHO CORZO SIN LÍMITE PTS (LUGO) 450€". Os PTS son plans territoriais sectoriais que procuran a protección do medio, atendendo á súa ordenación.

Pico no anuncio e a descrición non mellora o presente: "Precioso coto cerca del centro de Lugo, donde al cazar encontrará tanto densidad como calidad". Cerra o cancelo "#Cotos de caza en Lugo", que tamén se emprega nun segundo anuncio que oferta a caza en varios cotos privados da provincia ao módico prezo de 500 euros día, máis os oitenta do guía.

Non sei que dicir. Sinto un nó no estómago. Volvo ollar a fotografía. O animal coas vísceras por fóra. Pero que lle pode levar a unha persoa de ben a abafar, sen límite, ata a morte, a un ser inocente? Digo de ben, porque non quero pensar mal. Pero que difícil mo pon... Mo poñen, en realidade.

Resulta que o exercicio do mestrado consiste en analizar, a partir do soporte documental que se quixer, unha ideoloxía política. O termino 'política' é polisémico. Etimoloxicamente a política é aquilo que involucra aos cidadáns nos asuntos públicos. Pero tamén é o goberno, unha guía, a dirección ou mando dun colectivo. A definición negativa de política refírese a aquilo que non é privado. Lexicoloxicamente, remite á arte, doutrina ou opinión referente ao goberno dos Estados; á actividade dos que rexen ou aspiran a rexer os asuntos públicos.

Doulle voltas á idea de política e de ideoloxía cando volvo mirar o anuncio e emerxe un banner dunha aseguradora que, baixo o lema "protege tu hogar", anímame a instalar un novidoso sistema antirroubo e ocupación.

O que son as cousas. Non fai nin unha hora que lin que no Canadá está para morrer a segunda muller pobre que se acolleu á lei do suicidio asistindo, logo de pedir, sen éxito, unha vivenda a un prezo razoábel para poder aliviar a súa condición de enferma crónica.

E si, xa a segunda. Parece que a primeira acabou coa súa vida en febreiro e á segunda tan só lle falta por arranxar un último trámite. É agora que no Canadá se comeza a falar da eutanasia dos pobres. De casos que representan a falta de atención do país aos seus cidadáns máis vulnerábeis.

Finalmente, o banner esfúmase e volvo ver a imaxe do corzo tirado no chan. Nun verde chan de Lugo... A redacción, as cinco fotografías, que teña preto de 50.000 visitas e 21 favoritos. Todo é obsceno. Decido que vou poñer en Twitter o contido que acabo de ver, esperando que a miña indignación se reproduza noutras persoas e xuntos o fagamos viral.

Pero entro á rede social e sáltame unha nova noticia que copa a miña atención. Dúas irmás de Cantabria, de 70 e 79 anos de idade, decidiron quitarse a vida no día que ían ser desafiuzadas, porque nin sequera se molestaron en avisalas de que se ía pospor. Na noticia, unha persoa de xersei vermello porta unha pancarta coa frase "Los desahucios matan". No pé de foto, sitúase á rapaza en Santander, nunha concentración silenciosa onde se quere mostrar a indignación polo acontecido.

Respiro fondo. Vólveme a mesma pregunta de antes. Pero que lle pode levar a unha persoa de ben a abafar, sen límite, ata a morte, a seres inocentes?

Ao cabo, todos somos coma ese corzo de Lugo que un día empregaron para ilustrar a imaxe dun coto privado onde o "rececho", ou acoso con cans de caza, se permite por 450€. Alfís dun gran taboleiro de xadrez. Parte dunha sociedade ergueita sobre o interese particular de quen incrementa o seu pago canto máis perde o outro. Outorgándolle a quen ostenta o poder real de mover as fichas a posibilidade de prolongar a agonía de quen non ten ou non é.

Comentarios