Opinión

Ao outro lado do espello

Charles Cooley, sociólogo estadounidense fundador da American Sociological Association en 1905, posuía gran confianza na integridade moral do home medio. Cría que a sociedade era un complexo mental ligado á comunicación, que a partir dunha estrutura social primaria —a familia ou a comunidade local, agora seguramente Internet—, o Ser tomaba conciencia de si mesmo e do estándar, para vivir nun modelo social aceptado que lle asegurase unha vida integrada.

A teoría do "eu espello" é sen dúbida o concepto máis famoso de Cooley. Baséase en entender que a visión que outros teñen sobre nós, inflúe determinadamente no noso comportamento. Até o punto de construír, mudar ou manter, a imaxe que nós mesmos temos sobre nós, na interacción co outro. Tecnicamente a frase de Charles Cooley di: "un é obxecto para si mesmo, sendo antes un obxecto para outros".

Para Cooley, o que se chama o "eu" en psicanálise ten que ver coa identidade, a percepción, a auto-valoración singular que un fai de si mesmo. En definitiva, somos seres sociais. A identidade é o resultado da interacción cos demais.

O autor dinos que todos actuamos como espello para outros, e eses outros son un espello para nós. Un cree que é algo porque o outro lle devolve esa imaxe. Nun proceso que se sostén nunha relación inter-subxectiva e bi-dimensional, onde eu son o que outros determinan, pensan, ou sosteñen que son. E os demais son o que eles creen ser, porque eu os recoñezo nese rol.

Por iso o perigo do auto-odio. O outro opera —tan simple e tan complexo— reafirmándonos nas nosas inseguridades, nos nosos medos, nos nosos valores máis férreos. Pero non deixan de ser nós, ao outro lado do espello.

Sintamos fachenda do propio, seguridade no que somos, verdade no que sentimos; e o outro devolveranos esa seguridade que, como seres sociais, precisamos. 

O profesor Pepe Leira, tamén sociólogo, foi padriño da nosa promoción no ano 2011. Ao rematar o seu discurso agasallounos, a cada un, con un compás. Eu aínda conservo o meu. É amarelo, e máis dunha vez pregunteime cal era o meu norte. 
Pois o profesor dixera na palestra que, non perdendo o senso de onde vimos, pagaba a pena que camiñásemos —ou tentásemos camiñar— cara o "eu" que queríamos ser. Pois non era dun norte compartido, preestablecido, cinguido, do que nos falaba o doutor Leira. Porén, era o propio. O de cada un de nós.

Temos dereito a pensarnos, a inintelixir a propia vida. A resignificala sempre que o consideremos. A vivir acorde a un cálculo racional, persoal e intransferíbel.

Este 3 de maio, que alén do día da liberdade de prensa é tamén o día da liberdade de expresión, expresémonos pensando unicamente en nós. Coa seguridade de actuar acorde ao que nós queremos. Acorde ao que somos. Libres de faixas e prexuízos.
Vexamos que pasa ao outro lado do espello.

Comentarios