Opinión

Coira, a aldea que mantén en xaque ao ADIF

Quen diría que o asunto ía dar para tanto. Era un luns 1 de setembro de 2014 e os veciños e veciñas de Coira, que habitamos este lugar situado no linde dos concellos de Ames e Santiago de Compostela, observamos con incredulidade o inicio das obras de soterramento dunha liña eléctrica de 220.000 voltios polo medio da aldea, a escasos dous metros das nosas casas.

Quen diría que o asunto ía dar para tanto. Era un luns 1 de setembro de 2014 e os veciños e veciñas de Coira, que habitamos este lugar situado no linde dos concellos de Ames e Santiago de Compostela, observamos con incredulidade o inicio das obras de soterramento dunha liña eléctrica de 220.000 voltios polo medio da aldea, a escasos dous metros das nosas casas.

"Dita liña de alta tensión era fundamental, segundo as nosas sospeitas, para a posta en funcionamento do tren de Alta Velocidade (AVE) A Coruña - Vigo antes das eleccións municipais de 2015". 

Ninguén dos presentes aquel día poderiamos imaxinar todo o que atopariamos detrás deste proxecto, avalado polos alcaldes de Ames e Compostela, o delegado territorial de Industria da Xunta de Galicia, o presidente do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e a Ministra de Fomento, Ana Pastor. Dita liña de alta tensión era fundamental, segundo as nosas sospeitas, para a posta en funcionamento do tren de Alta Velocidade (AVE) A Coruña - Vigo antes das eleccións municipais de 2015. 

O trazado da liña eléctrica non cumpría coa legalidade e a contundente resposta da Plataforma Coira Contra a Alta Tensión fixo recapacitar aos responsables do proxecto, adxudicado no ano 2010 a unha UTE participada polas multinacionais IBERDROLA, EMTE e ISOLUX, por 70 millóns de euros, baixo o título “Eixo Atlántico de Alta Velocidade, Electrificación, Subestacións e Centros de Transformación Asociados no tramo A Coruña – Vigo”. 

O 17 de setembro, tralas protestas e a repercusión nos medios de comunicación, o ADIF manifestaba a intención de modificalo e afastar a liña da aldea. Ao día seguinte os técnicos xa estaban de novo sobre o terreo na procura dunha alternativa. O asunto era urxente, tendo en conta os prazos e as previsións para a inauguración. A Plataforma sempre buscou nos concellos un aliado fronte á indefensión, ata que os alcaldes comezaron a mirar cara outro lado, e sentimos o abandono de quen debería representarnos. 

O Concello de Santiago lanzou a primeira pedra. Antes de rematar o intenso mes de setembro, confirmouse o desvío da liña de alta tensión polo viaduto do Casal, paralelo á autovía AG-56 Santiago - Noia e á vía do tren. Esta alternativa melloraba considerablemente a proposta anterior, agás no lugar onde coincidía coa proximidade a dúas vivendas e cunha torre de alta tensión aérea no mesmo punto. Agora a pelota estaba no tellado do Pazo de Raxoi e o alcalde Ames, Santiago Amor, desentendíase do asunto ao afectar na súa totalidade ao concello veciño. Salvamos a aldea de Coira.

"A Plataforma sempre buscou nos concellos un aliado fronte á indefensión, ata que os alcaldes comezaron a mirar cara outro lado"

Non foi ata finais do 2014 e despois de varios requirimentos de información por parte dos novos afectados, cando o ADIF decidiu executar, dun xeito unilateral, a canalización da liña de alta tensión no viaduto do Casal. Comezaron a traballar polos extremos da liña polas noites e os domingos, deixando para o tramo final o punto conflitivo onde estaban situadas as vivendas e a torre eléctrica existentes. Coa esperanza nun posible acordo, a Plataforma propuxo en varias ocasións reunirse co alcalde de Santiago, Agustín Hernández, pero non houbo resposta. No seu lugar, exerceu de intermediaria a concelleira – non electa - de urbanismo Teresa Gutiérrez, que como boa tecnócrata non foi capaz de ver máis alá do plano do AVE. 

Para sorpresa dos veciños e veciñas de Coira, o 4 de febreiro de 2015 sometíase a información pública a petición de autorización administrativa para construír esta instalación eléctrica que xa estaba executada nun 80%. O prazo de alegacións era de 20 días. A Plataforma mantivo unha nova xuntanza na Subdelegación do Goberno da Coruña nun último intento por chegar a un acordo, onde os representantes do ADIF reiteraron a legalidade das obras a pesar de solicitar un permiso necesario para realizar unha obra practicamente finalizada. Aínda así, había certa receptividade para solucionar este asunto polas dúas partes.

A liña de alta tensión non tiña concedido o permiso da Consellería de Industria e estaba sometida a información pública. Antes de rematar o período de alegacións, o ADIF comunicou aos avogados da Plataforma que tiña “orde de rematar a obra”, sen especificar de quen procedía o mandato. A partir deste punto perdeuse o contacto e remataron as negociacións, poñendo os feitos en coñecemento da Fiscalía de Medio Ambiente e presentando as correspondentes alegacións na Consellería de Industria por parte da Plataforma.

"O 4 de febreiro de 2015 sometíase a información pública a petición de autorización administrativa para construír esta instalación eléctrica que xa estaba executada nun 80%".

A resposta do ADIF ao requirimento legal presentado polos veciños afectados non foi menos sorprendente. Nun documento asinado polo Presidente do ADIF, Gonzalo Ferre, xustifícase a súa actuación argumentando que unha liña de alta tensión destas características, de 220.000 voltios – a categoría máis alta das LAT - , non necesita autorización administrativa nin dos concellos nin da Xunta de Galicia. O que, ao noso entender, converte ao Ministerio de Fomento nunha especie de “deidade” capacitada para facer o que lle veña en gana. Todo se remite a unha “autorización para a continuación provisional das obras por parte da Ministra de Fomento”, como argumento de peso fronte á necesidade de someter o proxecto a información pública e realizar un estudo de impacto ambiental como argumentaba a Plataforma. Trámites que ao final foron obviados polo xefe territorial da Consellería de Industria, Isidro Martínez, na súa resposta ás alegacións presentadas, que interpreta que o ADIF non tiña porque solicitarlle autorización á Xunta de Galicia a pesar de publicarse no DOG o período de exposición pública. Por este motivo, outorgoulle autorización para realizar a obra “a posteriori”.

O luns 30 de marzo de 2015 a Ministra de Fomento, Ana Pastor, realiza unha viaxe de probas e “inaugura” o Eixo Atlántico Ferroviario de Alta Velocidade A Coruña – Vigo que entrará en funcionamento nas vindeiras semanas. Ao tren soben tamén o Presidente do ADIF, Gonzalo Ferre; o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; e o alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández. A partir do día seguinte quedaban prohibidos os actos inaugurais debido á convocatoria oficial das eleccións municipais do 24 de maio.

A día de hoxe, a aldea de Coira recupera a súa normalidade, consciente de que a partida non rematou. Entre outras cousas, queda por demostrar a rendibilidade dunha infraestrutura ferroviaria, o AVE, da que moitos dubidamos. Comezando polo proceso de licitación desta obra pública e rematando por ver se cumpre efectivamente coa legalidade.

As présas nunca foron boas compañeiras de viaxe nas obras do AVE en Galiza. Unha boa mostra tivémola, lamentablemente, na outra punta da cidade de Compostela un 24 de xullo de 2013. 

Comentarios