Opinión

O máis perigoso é a islamofobia

O atentado fascista en París contra a redacción do semanario Charlie Hebdo

O atentado fascista en París contra a redacción do semanario Charlie Hebdo, que lle tirou a vida a 12 persoas, entre elas catro debuxantes -Charb, Cabú, Wolinsky e Tignous- deixa unha dupla ou tripla sensación de horror, pois está agravada por unha especie de eco amargo e suxo e por unha sombra de ameaza inminente e xeral. Está, sen dúbida, o horror da matanza mesma por parte duns asasinos que, con independencia dos seus móbiles ideolóxicos, puxéronse a si propios á marxe de toda ética común e, destarte, fóra de todo marco relixioso, no seu sentido máis estrito e preciso.

Mais está tamén o horror de as súas vítimas se dedicaren a escreber e a debuxar. Non é que un non poda facer dano escrebendo ou debuxando -decontado habemos falar diso-; é que escreber e debuxar son tarefas que unha longa tradición histórica partillada coloca no extremo oposto da violencia; se se tratar, aliás, da sátira e do humor, ninguén nos parece máis protexido que o que nos fai rir. En termos humanos, sempre é máis grave matar un bufón do que un rei porque o bufón di o que todos queremos ouvir -embora sexa improcedente ou inclusive hiperbólico-, en canto que os reis só falan de si propios e do seu poder. O que mata un bufón, ao que encomendamos o dicer libre e xeral, mata a humanidade mesma. Tamén por iso os asasinos de París son fascistas. Só os fascistas matan bufóns. Só os fascistas acreditan que hai obxectos non hilariantes ou non ridiculizábeis. Só os fascistas matan para imporen seriedade.

Porén, hai un terceiro elemento de horror que ten a ver menos co acto do que coas súas consecuencias. Agora mesmo -confésoo- é o que máis medo me mete. E é urxente advertir o que nos xogamos. O urxente non é impedir un crime que xa non podemos impedir, nen tampouco condenar, cheos de noxo, os asasinos. Iso é normal e decente, mais non urxente. Tampouco, claro, botar espuma contra o Islam. Ás avesas. O verdadeiramente urxente é alertar contra a islamafobia, precisamente para evitar o que os asasinos queren -e están xa a conseguir- provocar: a identificación ontolóxica entre o islam e o fascismo criminal. A gran eficacia da violencia extrema ten a ver co feito de que borra o pasado, o cal non pode ser evocado sen xustificar dalgún xeito o crime; ten a ver co feito de que a violencia é actualidade pura, e a actualidade pura está sempre preñada do pior futuro imaxinábel. Os asasinos de París sabían moi ben en que contexto estaban a perpetrar a súa infamia e que efeitos ían producir.

O contexto europeu (pensemos na Alemaña anti-islámica destes días) é o dun fascismo rampante

O problema do fascismo e da súa violencia actualizadora é que se trata sempre dunha resposta. O fascismo está sempre respondendo; todo fascismo aliméntase da súa lexitimación reactiva nun marco social e ideolóxico en que todo é resposta e todo é, por tanto, fascismo. O contexto europeu (pensemos na Alemaña anti-islámica destes días) é o dun fascismo rampante. Na Franza concretamente este fascismo branco e laico ten algúns valedores intelectuais de moito prestixio que, á sombra do Frente Nacional de Le Pen, levan quentando o ambiente desde púltpitos privilexiados a partir do presuposto, enunciado con falso empirismo e autoridade mediática, de que o Islam mesmo é un perigo para Franza. Pensemos, por exemplo, no último romance do grande escritor Houllebecq Sumisión (tradución literal do termo árabe “Islam”), en que un partido islamista gaña o Frente Nacional nas eleccións de 2021 e impón a “charia” na patria d'As Luces. Ou pensemos no grande suceso das obras do ultradereitista Renaud Camus e do xornalista político do diario Le Figaro Eric Zemour. O primeiro é autor de Le grande remplacement, onde se sustenta a tese de que o pobo francés está sendo “reemprazado” por outro, neste caso -obviamente- composto de musulmáns estraños á historia de Franza. O segundo, pola súa parte, escribiu O suicidio francés, un grande suceso de vendas que rehabilita o xeneral Petain e descrebe a decadencia do Estado-Nación, ameazado pola traizón das elites e pola inmigración. Hai uns días en Le Monde o escritor Edwy Plenel referíase a estas obras como depositarias dunha “ideoloxía asasina” que “está a preparar Franza e Europa para unha guerra”, unha guerra civil, di, “de Franza e Europa contra elas mesmas, contra unha parte dos seus pobos, contra eses homes, esas mulleres, eses nenos que viven e traballan aquí e que, através das armas do preconceito e a ignorancia, teñen sido previamente construídos como estranxeiros en razón do seu nacimento, a súa aparencia ou as súas crenzas”.

Este é o fascismo que xa estaba presente na Franza e que agora “reaxe” -puro presente- fronte á “reacción” -pura actualidade asasina- dos islamistas fascistas de París. Mete moito medo pensar que ás 7 do serán, mentres escrebo estas liñas, o trending topic mundial, tras o tranquilizador e emocionante “eu son Charlie”, é o estarrecedor “matar todos os musulmáns”. A islamafobia ten tanto fundamento empírico -nen máis nen menos- que o islamismo jihadista; os dous, con efeito, son fascismos reactivos que se activan reciprocamente, incapaces de faceren esas distincións que caracterizan a ética, a civilización e o direito; entre nenos e adultos, entre civís e militares, entre bufóns e reis, entre individuos e comunidades. “Matade todos os infieis” é contestado e precedido por “matade todos os musulmáns”. Porén hai unha diferenza. Mentres que se exixe a todos os musulmáns do mundo que condenen a atrocidade de París e todos os dirixentes políticos e relixiosos do mundo musulmán condenan sen excepción o ocorrido, o “matade todos os musulmáns” é xustificado dalgún xeito por intelectuais e políticos que lexitiman coa súa autoridade institucional e mediática criminalización de cinco millóns de franceses musulmáns (e de millóns máis en toda Europa). Esa é a diferenza -sabémolo historicamente- entre o totalitarismo e o delirio marxinal; que o totalitarismo é delirio naturalizado, institucionalizado, partillado ao mesmo tempo pola sociedade e polo poder. Se recordamos, aliás, que a maior parte das vítimas do fascismo jihadista no mundo son tamén musulmás -e non occidentais- deberiamos, se callar, medir mellor o noso sentido da responsabilidade e da solidariedade. Pinzados entre dous fascismos reactivos, os perdedores son os de sempre: os inmigrantes, os esquerdistas, os bufóns, as populacións dos países colonizados. Unha das vítimas dos islamistas, por certo, era policía, chamábase Ahmed Mrabet e era musulmán.

Non hai que defender Franza; hai que defender a liberdade de expresión. Porque defender os valores de Franza é talvez defender a revolución francesa, mais tamén Termidor; é defender a Comuna, mais tamén os fusilamentos de Thiers

Do jihadismo fascista só agardo fanatismo, violencia e morte. Prodúceme repugnancia, mais me mete menos medo do que a reacción que precede -valla o paradoxo einsteniano- aos seus crimes. O “matade todos os musulmáns” está dalgún xeito xustificado polos intelectuais que “preparan a guerra civil europea” e polos propios políticos que responden aos crimes con discursos populistas relixiosos laicos. Cando Hollande e Sarkozy falan dun “atentado aos valores sagrados de Franza” para se referiren á liberdade de expresión, están a razoar do mesmo xeito que os asasinos dos redactores do Charlie Hebdo. Non aceito que un francés me diga que defender os valores de Franza envolve necesariamente defender a liberdade de expresión. Por moi laica que tencione ser, esa lóxica é sempre relixiosa. Non hai que defender Franza; hai que defender a liberdade de expresión. Porque defender os valores de Franza é talvez defender a revolución francesa, mais tamén Termidor; é defender a Comuna, mais tamén os fusilamentos de Thiers; é defender Zola, mais tamén o tribunal que condenou Dreyfus; é defender Simone Weil e René Char, mais tamén o colaboracionismo de Vichy; é defender Sartre, mais tamén as torturas da OAS e o xenocido colonial; é defender maio do 68, mais tamén os bombardeamentos de Argel, Damasco, Indochina e máis recentemente Libia e Mali. É defender agora, fronte ao fascismo islamista, a igualdade ante a lei, a democracia, a liberdade de expresión, a tolerancia e a ética, mais tamén defender a destrución de todo iso no nome dos valores de Franza. Mete moito medo ouvir falar dos “valores de Franza”, “da grandeza de Franza”, da “defensa de Franza”. Ou defendemos a liberdade de expresión ou defendemos os valores de Franza. Defender a liberdade de expresión -e a igualdade, a fraternidade e a liberdade- é defender a Humanidade inteira, con independencia de onde viva ou do deus no que acredite. A frase “os valores de Franza” pronunciada por Le Pen, Hollande, Sarkozy ou Renaud Camus non se distingue nada da frase “os valores do Islam” pronunciada por Abu Bakr Al-Baghdadi. Son, en realidade, o mesmo discurso fronte a fronte, lexitimado pola súa propia reacción asasina, que bombardea inocentes nun lado e ametralla inocentes no outro. Perden os de sempre, os que perden cando dous fascismos non deixan en medio nen a máis pequena fírgoa para o direito, a ética, a democracia: os de abaixo, os pequenos, os sensatos. Diso sabemos moito en Europa, cuxos grandes “valores” produciron o colonialismo, o nazismo, o estalinismo, o sionismo e o bombardeo humanitario.

Mal comeza 2015. En 1953, “refuxiado” na Franza, o grande escritor negro Richard Wright escribía contra o fascismo que “temía que as institucións democráticas e abertas non sexan máis que un intervalo sentimental que preceda ao estabelecimento de reximes mesmo máis bárbaros, absolutistas e pospolíticos”. Protexernos do fascismo islamista é protexer as nosas institucións abertas e democráticas -o que fica delas- do fascismo europeo. A islamofobia fascista, en Europa e nas “colonias”, é a grande fábrica de islamistas fascistas e unha e outro son incompatíbeis co direito e a democracia, os únicos principios -que non “valores”- que poderían aínda salvarnos. Boa parte das nosas elites políticas e industriais están máis ben interesadas en todo o contrario.

Descansen en paz os nosos alegres e valentes compañeiros bufóns do Charlie Hebdo. E que ninguén no seu nome erga a man contra un musulmán nen contra o direito e a ética comúns. Esa si sería a verdadeira victoria dos fascismos dos dous lados.

Este artigo viu a luz en Rebelion.Org e foi traducido para o galego por Henrique Varela.

Comentarios