Opinión

En defensa dun Observatorio Galego de Igualdade do sector pesqueiro

O momento que estamos a vivir é de desafíos, pero tamén de oportunidades e o sector pesqueiro galego non debe manterse á marxe. Galicia é punteira en canto á organización das súas mulleres da pesca. En poucos lugares de Europa, do mundo, lograron tanto como as galegas. Eses éxitos, loitados e ben merecidos polas nosas nais e avoas, non significan a consecución do que, por xustiza, debería ser o obxectivo perseguido, a plena e efectiva igualdade de oportunidades. Toca dar un paso máis, continuar avanzando e seguir á cabeza. 

As cuestións sociais non son alleas ao desenvolvemento económico e tecnolóxico. De feito, o social, na súa máis ampla definición, é o motor que tira da maquinaria. O sector pesqueiro está formado por mulleres, homes e persoas de calquera outro xénero non binario. Aí é onde reside o corazón da pesca galega, na súa xente. A cegueira ás características de cada unha destas persoas e ás súas achegas non vai xerar progreso, pola contra, supoñerá un estancamento, incluso o retroceso nalgúns casos. Pechar os ollos e ignorar que hai peculiaridades vinculadas ás persoas que pescan, marisquean, van á batea, venden peixe nos mercados ou xestionan administrativamente as empresas pesqueiras non vai facer desaparecer as problemáticas que xorden desa diversidade. 

Contamos coa suficiente normativa (europea, nacional e galega) para que a igualdade non sexa só un espellismo ou un bonito e oportuno lema a enarborar.

Cómpre esquecernos dese demo chamado individualismo e remar todas e todos no mesmo sentido

Temos xa o marco teórico e agora é o momento de construír e facelo dunha maneira sólida, ben fundamentada. A lei galega de igualdade, DL 2/2015, ampara, promove e garante a transversalidade da igualdade de xénero e as accións positivas contra a discriminación. A pesar de dedicar un capítulo enteiro ás mulleres rurais, bótase en falta neste articulado a mención expresa ao sector pesqueiro e o tratamento das súas especificidades. Esquecer as mulleres que traballan na pesca e nas actividades auxiliares a esta implica eludir o obrigado estudo do impacto de xénero de todas as políticas públicas ligadas ao sector. O mar galego necesita contar cun Observatorio de Igualdade propio, enraizado no territorio e que, con ollos galegos e universais, dea respostas e solucións. Para iso, é imprescindible un correcto diagnóstico, facer un mapa da actual situación, observar as desviacións, analizar as propostas e, desde un coñecemento profundo e rigoroso, trazar unha folla de ruta que permita mellorar as condicións de traballo e de vida na pesca de Galicia. Necesitamos estatísticas desagregadas por sexos, estudos analíticos desde as ciencias sociais que nos permitan coñecer como é este mundo na nosa comunidade e que podemos facer para melloralo. Podemos chamalo doutra maneira, Comisión Permanente de Igualdade do Sector Pesqueiro, por exemplo, para ser máis descritivo e aludir ao carácter continuo que deben ter os seus traballos e avaliacións. O nome, aínda que importante, é negociable. Non o son algunhas das súas características se de verdade queremos un órgano operativo e útil. Sen ser exhaustiva na lista, a vontade política, a dotación orzamentaria, o consenso do sector na súa creación, o carácter técnico dalgúns dos seus membros e a necesaria perspectiva de xénero en todo o proceso son piares fundamentais desta construción. 

Pensemos en grande e tratemos de imaxinar que pode saír de aí. Por suposto, un Plan de igualdade do sector pesqueiro de Galicia, pero tamén liderado, representación en órganos de dirección, visibilización de situacións e grupos que permanecen ocultos, datos e números fiables, valorización do papel da muller na economía galega, ferramentas para a xestión sostible dos recursos e o establecemento de medidas en temas como a violencia de xénero, o relevo xeracional ou as políticas de formación. O alcance é do suficiente calado como para poñernos de inmediato a traballar, sen un minuto de vacilación.
Cómpre esquecernos dese demo chamado individualismo e remar todas e todos no mesmo sentido. Irá mellor. 

Comentarios