Opinión

Macroviñedos e Mina de Touro nas Terras do Ulla

Nestes últimos anos vemos como a paisaxe dos concellos polos que pasa o río Ulla foi cambiando.

Macroempresas vitivinícolas viron nas nosas terras unha gran oportunidade para facer o seu negocio. É así coma se está a facer un traspaso da terra, que estaba en mans labregas para producir de maneira respectuosa co medio ambiente alimentos e viños, cara a empresas privadas que só queren a terra para especular e aproveitarse de millonarias subvencións sen respecto ningún ao medio.

Os perigos de esta explotación indiscriminada son moitos, tala de bosques autóctonos, contaminación das augas, intoxicación do aire por produtos fitosanitarios, desaparición da flora e fauna, proliferación de pragas … E obvio que isto trae consecuencias nocivas para o nosa saúde. Hai algo máis importante que a saúde?.

E como aínda estando alerta os nosos políticos da Xunta son moi afeccionados a darnos “boas noticias” lemos estes días neste mesmo diario: “A Xunta axilizará a tramitación da reapertura da mina de Touro declarándoo proxecto industrial estratéxico”. Isto significa que nun ano podería estar funcionando esta mina a ceo aberto co mesmo proxecto co que foi rexeitado no 2020 debido a “enorme afectación dos recursos hídricos” co que isto supón para as augas do Ulla en todo o seu leito ata chegar a Ría de Arousa, estamos a falar de 11 concellos e 140.000 habitantes afectados.

Estes macroproxectos non veñen a xerar nin postos de traballo nin beneficios para ningún dos concellos onde se asentan, máis ben todo o contrario, xeran impedimentos para a creación de novos postos de traballo respectuosos co medio ambiente.

Diversas asociacións, “Por un Rural Vivo”, “Mina Touro- O Pino Non”, “Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA)”, “Ecoloxistas en Acción”, “Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e numerosos científicos, persoal médico, investigadores, … están a advertirnos do perigo que entrañan estas empresas no noso territorio. Estas asociacións e o conxunto do pobo galego estanse a manifestar para que empresas estranxeiras non veñan a facer o negocio a Galiza para levarse os beneficios e a nós deixarnos a merda.

Que están a facer os nosos gobernantes da Xunta de Galicia?

As administracións públicas deberían de adoptar responsabilidades para que a terra non se lle venda ao mellor puxador. Precisamos a terra para a produción de alimentos pois os cartos non se comen.

Comentarios