Opinión

Dificultades na mobilidade para os discapacitados

Aínda que hai unha lei que obriga á eliminación de todo tipo de barreiras arquitectónicas esta non se está a cumprir. Ben é verdade que se mellorou en varios aspectos pero aínda queda moito para que as persoas con algún tipo de discapacidade poidamos ter unha vida doada.

Pensemos que hai no Estado español uns 100.000 cidadáns que por culpa de estas barreiras están condenados a non saír das súas casas.

As persoas que imos en cadeira de rodas ou con bastóns precisamos dun espazo amplo para poder movernos, pero non é so iso senón unha adecuada distribución e un mobiliario adaptado e práctico.

Ademáis de ter que adaptar as nosas casas é necesaria a accesibilidade na vía pública (rebaixes en beirarrúas, sendas peonís, pavimentos antideslizantes…), en locais públicos e privados (ascensores, ramplas, lavabos e corredores amplos, servizos de todo tipo…).

Outra barreira para os discapacitados é o acceso ao transporte público (autobuses, trens, taxis, aparcadoiros…). Un exemplo sería que dos 70.000 taxis que prestan servizo no estado español tan so 366 son accesibles. Os autobuses, na súa gran maioría, son inaccesibles, carecen de plataformas baixas para subir e baixar, as ramplas non existen, non hai ancoraxes para as cadeiras de rodas...

A Asociación Galega de Persoas Amputadas (AGAPA) ten exposto este problema na Comisión Socio-Sanitaria que agrupa a varias asociacións que se dedican a temas relacionados coa discapacidade e aínda non chegaron a cumprir os nosos desexos.

Debemos de tratar como un problema de saúde pública a necesidade de suprimir as barreiras arquitectónicas. Todos temos o dereito a poder vivir e desfrutar nas nosas cidades, vilas, aldeas… e tal como están dotadas isto é imposible.

Debemos de conseguir que o noso entorno sexa accesible para TODOS para así poder vivir con independencia.

As administracións públicas (Goberno Central, Xunta, Concellos, …) deben facer cumprir a  lei. Será necesario, se non se consegue, multar e obrigar as empresa e organismos a retirada de barreiras de todo tipo.

Comentarios