Opinión

"Consello de Residentes" da residencia de maiores DomusVi San Lázaro

O pasado 18 de abril creouse na residencia DomusVi San Lázaro un órgano novo onde estamos representados a dirección da empresa, representada por Rodrigo Ríos, máis un grupo de residentes que pode ir mudando segundo os intereses do conxunto.

Paralelamente un grupo de residentes creamos unha asociación sen ánimo de lucro que proximamente imos legalizar co nome de "A Vangarda dos Residentes".

Os fins que vai ter esta asociación van quedar reflexados nos seus estatutos e serán:

  1. Expresar as nosas inquedanzas diante da dirección da residencia DomusVi San Lázaro.
  2. Colaborar, se procede, con outras asociacións similares existentes na Galiza ou no resto do Estado Español.
  3. Promover a solidariedade entre os residentes da residencia de maiores DomusVi San Lázaro.
  4. Colaborar coa dirección da residencia para o benestar dos residentes.

A creación destes dous órganos de expresión xurdiu á vez por pura casuística. Cando eu lle comentei ao director da residencia Rodrigo Ríos a intención de crear a asociación "A Vangarda dos Residentes" el ofreceunos crear paralelamente o "Consello dos Residentes" cousa que nós aceptamos de bo grado e que se levou a cabo inmediatamente. No "Consello de Residentes" os usuarios temos voz e voto e é de carácter consultivo.

A intención de "A Vangarda dos Residentes" é chegar a acordos coa empresa para mellorar o que xa funciona ben e ver de aportar novas iniciativas para completar o benestar de todos. Algunhas ideas que xa se aportaron foron a baixada de prezos dos produtos da cafetaría para os usuarios, organizar un pequeno concurso literario para conmemorar o Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio, facer excursións culturais ou de lecer, e máis cousas que ben de seguro farán máis doada a vida dentro desta inmensa casa que compartimos 156 usuarios e máis dun cento de traballadoras.

Este pasado 5 de maio xa saímos nos medios de comunicación por primeira vez. Foi a Cadena Ser de radio a que se interesou polas nosas iniciativas e ofreceuse a vir á residencia facernos unha entrevista en directo, na que participou o director Rodrigo Ríos explicando a creación do "Consello dos Residentes", un residente, Xosé Manuel Durán, lendo unha poesía súa como adianto ao Día das Letras Galegas e eu mesmo explicando a creación de "A Vangarda dos Residentes".

Na prensa escrita é Nós Diario o que terá a primicia de comentar o tema a través deste artigo.

Coido que estas dúas iniciativas mellorarán as condicións de vida dos usuarios de DomusVi San Lázaro.

Comentarios