Opinión

Na casa con Xavier Romeu i Jover

Como xa sabedes, os que me ledes, estou a recuperarme nunha residencia de maiores e como as ganas de ir a pasar uns días a casa eran moitas fíxose esto posible a semán pasada.

Aproveitei  ben eses días. Unha das cousas ás que adiquei o tempo foi á lectura dun libro escrito por Josep Guía e a súa compañeira María Conca, “A frec del seu nom vida, obra i lluita de Xavier Romeu”.

Xavier Romeu, distinguido pola súa personalidade polifacética: xoven aventureiro e home honesto; lingüista e políglota, autor e traductor de obras dramáticas; escritor de novelas, relatos, artigos e ensaios periodísticos e, ó mesmo tempo, loitador pola independencia, a unidade nacional e o comunismo.

Participou dende o Partit Socialista d'Alliberament Nacional dels Països Catalans (PSAN) na chamada “Reforma democrática do franquismo” e tivo daquela unha grande influencia na actividade política reivindicando a unidade nacional de Catalunya co País Valencià, coas Illes Balears e coas Pitiusas.

Xavier Romeu morreu moi xoven, con tan so 42 anos, nun absurdo accidente de tráfico.

Eu tiven o orgullo de coñecelo persoalmente porque foi o meu primeiro xefe de célula cando decidín entrar a militar con 16 anos no PSAN. Cando me paro a pensar nos grandes camaradas que coñecín o longo da miña vida Xavier sempre está presente.

Os autores de este libro, María Conca e Josep Guía, dende a súa amizade e o seu coñecemento van relatando o longo das súas 506 páxinas a traxectoria cultural e política do protagonista. Relatan episodios descoñecidos para moitos que o tratamos, porque Xavier Romeu era unha persoa humilde que nunca se fachendeaba de nada. 

Nas diversas publicacións que colaborou (revistas como Lluita e Canigó, diarios coma Avui, …) sempre se manifestou convencido de que a liberación da clase traballadora pasaba sempre pola liberdade dos Països Catalans. E agora, no século XXI, as súas ideas independentistas probablemente estean nun proceso da historia de Catalunya onde poderían chegar a triunfar.

Animo a todos os estudiosos galegos que están a documentarse e informarse sobre a historia do independentismo catalán a ter en conta a figura de Xavier Romeu i Jover.

Comentarios