Opinión

De como muda, cos tempos, a función de relación

Esta tarde, ao rematar a clase de zumba, sentei coas miñas amigas nunha terraza para tomarmos unhas cañas e departir sobre as dificultades que supón compatibilizar menopausia e adolescencia.

Cando chegou a miña quenda, conteilles como transcorría un sábado calquera na vida do meu fillo de quince anos. Ante o seu abraio, caras de envexa e certa incredulidade expliqueilles que, após erguerse e almorzar, adoitaba quedar cos compañeiros da clase para falar, escoitar música e botar unhas risas todos xuntos. Moitas veces, despois de xantar, xogaba ao xadrez ou ao trivial coa súa irmá uníndoselles en ocasións as veciñas do terceiro. A miúdo os sábados vía unha boa película tan só uns días despois da súa estrea comentándoa cun grupiño de amigos cinéfilos de diferentes idades. Tamén pasaba unha hora, ou preto dela, facendo traballos do instituto; para aqueles conceptos que se lle resistían contaba coa axuda dunha profesora e os vocablos descoñecidos axiña os atopaba na enciclopedia... Antes de se deitar, adoitaba escribir un pedazo sobre os seus gustos e afeccións.

Despois de xantar, xogaba ao xadrez ou ao trivial coa súa irmá uníndoselles en ocasións as veciñas do terceiro

Cando as miñas amigas me felicitaron por ter un fillo tan sociable, que acudía ás estreas e debatía con críticos de cine, que subía ao piso de arriba para xogar coas veciñas, que quedaba cos compañeiros, que conversaba cunha profesora particular, que utilizaba enciclopedias e mesmo escribía un diario... Daquela, non fun quen de aclararlles que Brais fai todo iso, e máis, sen saír do seu cuarto, que só precisa ter o móbil a man e unha boa conexión a internet.

Comentarios