Opinión

Que historia do 2022 contaremos ás nosas fillas

O outro día, miña nai pregúntome se eu me sentira insegura co meu corpo durante a miña infancia e adolescencia. Sorprendeume a súa pregunta porque, como en moitos fogares, certos temas seguen sendo  tabú ou, simplemente, non se abren. "É que escoitei o podcast de 'Estirando el chicle ' e das catro mulleres na mesa, as catro sufriran Trastornos da Conduta Alimentaria, e tiñan amigas que o sufrían, tamén". Por suposto que as inseguridades cara ao meu corpo foron tema central durante o meu crecemento persoal e mental. Aínda hoxe. Esta mañá mireime fronte ao espello e díxenme: "Teño que volver facer ioga para baixar esta barriga". Non pensei en facer exercicio pola miña saúde. Penseino pola estética. Pola xente de fóra e o que dirán, mais tamén por que direi eu.

Levo arrastrando esa pregunta varias semanas. Non polo conflito entre a muller e o corpo. Non pola mensaxe constante do sistema capitalista no que vivimos que esixe ás mulleres vivir dentro dun canon, dun parámetro inalcanzable. Penso nesta pregunta porque me fai reflexionar na cantidade de temas e cuestións que están presentes nas nosas vidas, pero das que non falamos para non facelas reais.

A miña avoa, por exemplo, non fala do que sentiu durante a Guerra Civil. Si verbaliza pequenos recordos como o inicio da guerra na Porta de Sol de Vigo, no Sireno. Si fala de que tomaba unha cullerada de aceite de fígado de bacallau diaria e de que roubaba as mazás da leira da marquesa porque non había que comer. A miña avoa repite sempre as mesmas historias. En bucle. E en canto lle preguntas un pouco mais, en canto indagas no recordo dos seus sentimentos, a dor apodérase dela e cambia de tema.

E isto non lle pasa só a miña avoa. O mes pasado foi o mes da historia negra, mes onde moitos eventos tiveron lugar en febreiro. A min cativoume Innocent, unha proxección sobre o xenocidio en Ruanda. A neta e filla da familia que viviu e sufriu esa catástrofe é a que agora sente a necesidade de coñecer a historia familiar e reabrir esas feridas. Feridas que como ben anticipou, estaban mal cicatrizadas. "Mentres verbalizas as preguntas aos teus familiares sentes dor ao imaxinarte o que terían que sufrir,  pero unha vez pos todas as cartas sobre a mesa, organizas todas as experiencias e pos un fío condutor para crear unha historia, entón aí sénteste aliviada", explicaba a directora, filla e neta Amelia Umuhire. E é certo que a miña xeración, as netas da familia, sentimos a necesidade –e mesmo a responsabilidade, dependendo do caso– de buscar e reconstruír a historia familiar para que non se perda. Eu entrevistei a miña avoa para escoitar a súa versión da guerra civil porque cando aprendemos a través dos recordos e experiencias dos nosos seres queridos, das nosas nais, das nosas avoas; creamos semellanzas e ata construímos ideais a través desas historias. Comezamos a pensar que "a miña avoa era unha muller resolutiva porque sabía cando entraba a comida polo porto de Vigo, e aí estaba ela para recoller a fariña que se perdía polo camiño".

Con todo, vendo nas noticias o panorama actual desolador, pregúntome cantas netas e fillas deixarán de preguntar a súas nais e avoas polas súas historias. A guerra actual en Ucraína deixou xa a máis de dous millóns de persoas ucraínas, na súa maioría mulleres e nenas, buscando refuxio fóra dos seus fogares. Mentres mulleres e nenas foxen do horror da guerra –recalcando todas as consecuencias físicas e psicolóxicas que unha guerra implica– as tendencias de procura en Google eran outras distintas: "porno ucraína". Detrás das noticias de bombardeos a hospitais e ataques a civís, usuarios de pornhub colocaban como procuras de moda "ucraína " e "nena  ucraína", e o Diario As titulaba "Preocupación en familias españolas pendentes de ventres de alugueiro".

Eu á miña nai respondinlle acentuando o asombro por que catro de catro mulleres se preocupan polo seu físico sendo cativas. Distanciei a miña resposta porque non quería enfrontarme a un tema que aínda hoxe me deixa marca. Se eu reaccionei así cun tema máis livián, como o farán as rapazas destas nais que hoxe foxen da guerra en busca dunha vida mellor? Que historia familiar transmitirán ás súas netas cando lles pregunten como era a súa vida no 2022?

Comentarios