Opinión

Diáspora 2.0

“E ti, que galega da diáspora ves sendo?”. É unha pregunta que acotío cavilo cando coñezo alguén do país na miña cidade de acollida, Barcelona. É que galegas migradas hai de moitos tipos. Nos meus miolos cando menos inventei tres: a morriñenta, que non perde nin un día das súas vacacións para volver correndo a Galiza; a cidadá do mundo, que presume que a súa identidade orixinal esvaeu, e a asimilada, que en pouco tempo se confunde –ou cando menos esta persoa o cre– coa poboación local. Abofé, estas categorías non son pechadas e hai un bo feixe de zonas grises e de ben seguro que máis dunha persoa podería ampliar esta análise con novas categorías. Se nos detemos no caso das asimiladas, podemos achar casos que, non por excepcionais, son abraiantes. Évos, por exemplo, o de coñecer unha persoa galega en Catalunya que leva uns anos nesta beira do Mediterráneo e fala un catalán fluído, mais amosa, sen capelexar, unha cativa competencia lingüística en galego. 

A ninguén sorprenderá a estas alturas que aínda hoxe a cuarta parte das persoas do Estado español do censo de residentes ausentes sexan galegas. Un país marcado pola emigración que non cesa. Unha diáspora ao longo dos cinco continentes que, entre outras particularidades, non dubidou dende os primeiros anos de procura do pan negado na terra, en se organizar en centros e entidades que deron grandes froitos, como poden ser a bandeira ou o himno do noso país.

A diáspora galega tamén foi historicamente un saboroso obxecto de control político por parte do poder, dende o Franquismo até o presente, a pesar de que hoxe en día, se callar, os centros e entidades galegas xa non representan o atractivo do pasado, cando eran punto de encontro para a nosa xente. Os veteranos centros galegos esmorecen co envellecemento das súas socias e porque as novas xeracións migradas xa non están interesadas no que se lles ofrece neles. Á súa delicada situación non axuda a presente pandemia, que aínda favoreceu máis a redución das súas actividades. É o caso do Centro Galego de Barcelona, situado na emblemática Rambla dende o século XIX, nun edificio que fora a casa da poderosa familia industrial Güell e en que resoaron verbas de Castelao, en plena Guerra Civil, cando o pai do nacionalismo galego se refuxiou na capital catalá.

Que debería representar un centro galego máis que centenario para a identidade e a cultura do noso país nunhas das principais rúas dunha cidade como Barcelona? Se cadra moitas cousas que non é no ano 2021, produto de recoller unha visión inmobilista ao longo de moito tempo. O seu número de socias mingua e unha boa parte do seu espazo está ocupado dende hai un tempo por unha oficina de Turismo da Xunta, cunha cuestionábel utilidade ao non ser nin visíbel dende a rúa ao estar nun primeiro andar. Sexa como for, a diáspora do século XXI non é a do XX e, daquela, non ten por que ter os seus mesmos costumes. Por exemplo, non precisa de elegantes sedes en edificios construídos por podente burguesía. 

É o caso da Asemblea Cultural Galega de Barcelona, a ACGB.gal. Nada hai menos dunha década no barrio da Vila de Gràcia, cando unha serie de socias do Centro Galego da Rambla, cansas da imposibilidade e das dificultades para tirar adiante un proxecto cultural renovado, crearon unha entidade asemblearia e autoxestionada, que actualmente comparte local na rúa Torrent d’En Vidalet no Ateneu Roig. Ducias de persoas compoñen a ACGB, que se autodefine como unha entidade cunha galeguidade aberta, crítica e vital. Dende 2012 organiza todo tipo de actividades, para cativas e adultas, dende as relacionadas coa música e bailes tradicionais, até teatro, concertos ou conversas con persoeiros de todo tipo do noso país (para mostra, María Xosé Silvar, Quico Cadaval, Antón Reixa ou Xurxo Souto pasaron por aquí).

Xa o escribira Manuel María: “Galiza somos nós, a xente máis a fala”. Malia que pasen os anos, sempre haberá diáspora que quererá expresar con orgullo a identidade colectiva do noso pobo. Farao no xeito do seu tempo e tamén axudará, dende calquera punto do planeta, a construír Galiza.

Comentarios