martes 29/09/20

A afouteza asociativa en Catalunya

O excursionismo asociativo en Catalunya xorde no século XIX, resultado do devezo de coñecemento e un progresivo aumento do amor polo territorio na Renaixença. En 1876 créase a Asociación Catalanista de Excursións Científicas. Esta entidade, canda a Asociación de Excursións Catalá, deu lugar ao Centro Excursionista de Catalunya no ano 1890. Posteriormente, no 1920, nacía a Federación de Entidades Excursionistas de Catalunya, con máis de 400 organizacións.

Esta referencia asociativa é a punta do iceberg. Para mostra nun eido contemporáneo, o desenvolvemento de cooperativas como modelo alternativo de economía social, conta en Catalunya con máis de 4.300 entidades, segundo o Observatorio de Traballo e Modelo Produtivo da Generalitat. En definitiva, as cifras sobre o poder asociativo catalá non enganan: segundo o Instituto Estatístico de Catalunya, existen en xeral case 73.000 asociacións.

Òmnium é referencial para entender a historia asociativa catalanista. Nada en pleno Franquismo en 1961, malia ser clausurada inicialmente, en 1967 recibiu o visto e prace da administración da ditadura.

O pulo do asociacionismo catalá vén de longo. Unha realidade que no que refire á defensa dos intereses do país transcende alén dos partidos políticos. De feito, durante o tortuoso procés, non foron poucas as ocasións nas que os líderes de opinión apelaron a que o pobo actuase alén das institucións. Non en van, por que ían ir á cadea os líderes de organizacións que non toman ningún tipo de decisión política, como son Jordi Cruixart e Jordi Sánchez, os presidentes no seu momento, respectivamente, de Òmnium Cultural e da Asemblea Nacional Catalá (ANC)?

Òmnium é referencial para entender a historia asociativa catalanista. Nada en pleno Franquismo en 1961, malia ser clausurada inicialmente, en 1967 recibiu o visto e prace da administración da ditadura. E iso malia que a súa actividade consistiu sempre na promoción da lingua e cultura catalás. Actualmente conta con máis de 182.000 membros.

A outra entidade de referencia do procesisme é a ANC. Creada no 2012, ten máis de 80.000 persoas asociadas. A súa vitalidade queda retratada polas máis de 40 sectoriais que ten activas: dende os bombeiros, aos francmasóns ou aos estibadores pola independencia, entre outros colectivos.

Se faltaban probas da idiosincrasia asociativa en Catalunya, precisamente a entidade social de referencia en contra da independencia é Sociedade Civil Catalá (SCC), malia que os seus números de participación estean lonxe do éxito de convocatoria das dúas anteriores, como constatan as súas concentracións.

Se cadra a sociedade catalá foi vítima do optimismo de máis, non só de partidos políticos, senón tamén das nomeadas entidades sociais independentistas.

No presente estamos perante un intre de incógnita no procés sen saber cales serán os seguintes pasos a seguir. Se cadra a sociedade catalá foi vítima do optimismo de máis, non só de partidos políticos, senón tamén das nomeadas entidades sociais independentistas. Semellaba que a construción dun Estado estaba a tocar, que o mundo non ía quedar impasíbel perante unha posíbel represión da vontade popular. Probabelmente non houbo mala fe por parte destes actores e si pecaron de inxenuidade. Poucos estados permitirían –habelos, hainos: Reino Unido con Escocia ou o Canadá co Quebec–, e moito menos facilitarían, a independencia dunha parte do seu territorio.

É difícil saber até que punto é lexítimo tensar a corda, tendo en conta as consecuencias sociais que toca asumir. O manual da independencia dos pobos reescribiuse practicamente en cada caso. Non sabemos como van decorrer os vindeiros capítulos desta historia, porque nin os seus propios impulsores saben que é o que virá. O que cómpre é non esquecer que o éxito residirá tamén en contar sempre coa vontade de autoorganización do pobo.

 

comentarios