Opinión

Xeografía crítica da crise do coronavirus

Estes días, como todo o mundo que me rodea, topeime de súpeto coa crise provocada pola COVID-19. Como considero a Xeografía e as Ciencias Sociais campos de coñecemento esenciais no mundo actual, realizo uns rápidos apuntamentos desde a análise territorial, o meu labor académico. Como é lóxico, o coronavirus sitúa a medicina preventiva e o traballo dos virólogos na cerna do debate científico, pero abre para a Xeografía moitas posibilidades de amosar a súa capacidade de interpretación das realidades contemporáneas. Así, introduce un debate global/ambiental, ponnos de manifesto que a Xeopolítica posúe plena actualidade e fíxase nos comportamentos cotiáns das poboacións.

A escala global ratifica como os modelos de difusión espacial deben ocupar máis atención na academia. Tamén a relación sociedade-medio. A acción humana e en especial a urbanización xeral alteraron por completo a natureza e por iso se producen reaccións descontroladas, entre elas as novas epidemias dunha sociedade do risco. Este risco mostra a diferenza entre espazo e territorio. No espazo difúndese a enfermidade, pero as fronteiras e a resposta dos estados-nación son diferentes, e permiten un xogo xeopolítico de actuacións contrastadas (sempre interesadas). Ademais, a denominada compresión do Mundo resólvese nunha crise económica e financeira xeral estendida de súpeto. Caen as bolsas nun planeta onde a pugna sino-norteamericana pola hexemonía mídese agora na efectividade de cada goberno para responder á alerta sanitaria. Tampouco desaparece a variante ambiental do proceso: as altas densidades difunden rápido a enfermidade e a alteración dos equilibrios milenarios coa natureza provocan ameazas patóxenas.

A COVID apareceu nunha das múltiples cidades e provincias millonarias chinas (Wuhan e Hubei). De inmediato, e debido á posición da China como superpotencia mundial, contáxiase a outros centros económicos rexionais (Corea do Sur, Xapón etc.) e europeos (Italia etc.). O goberno chino responde clausurando os territorios foco do problema: un mapa de cidades e provincias, que reflexa o uso da Xeografía para o goberno contundente. Noutros países asiáticos, a orde e a disciplina acoutan espazos e conseguen bos resultados. En Europa, máis laxa e permisiva, o virus faise forte no Norte rico de Italia e desde aí esténdese pola UE. Mentres escribo isto, o goberno español decretou o estado de alarma en todo o territorio. Todo o estado-nación debe pregarse á decisión do público. A UE volve ser débil, fronte un empoderamento dos gobernos estatais (as autoridades de sempre) que, no caso de España, chegan a mobilizar o exército, pero non dan controlado o caos nos transportes de proximidade. Todos os medios publican mapas interactivos. A crise xerada pola Gripe española foi un acontecemento histórico, o Coronavirus xa é xeográfico.

Pouca xente nas rúas, repregue ao espazo doméstico, mobilidade controlada. É posible que a utopía do decrecemento se faga realidade? Menos polución. Menos consumo de petróleo. Un ritmo de vida máis repousado. A volta ás profecías da xeneralización do teletraballo. Pero tamén, certa recuperación do coche particular (porque o transporte público é percibido inseguro). Retorno ás compras semanais nos supermercados e grandes superficies (tamén máis inseguras). Maior calma no rural e preocupación nas cidades. A este respecto, cabe lembrar que o modelo de contaxio amosa que son os territorios ricos os máis vulnerables: Lombardía que concentra case o 60% dos positivos italianos; Madrid ao redor da metade dos do Estado. Retorna a noción de periferia, cun inferior número de infectados en Galicia.

En definitiva, a COVID sublíñanos ideas clave para entender o momento actual. Que o noso modelo de desenvolvemento, de crecemento descontrolado, é fráxil, sometido a crises de todo tipo. A súa resposta debe pasar pola sustentabilidade e o desenvolvemento intelixente. Por esta razón, insístese na capacidade que unha pandemia como a do Coronavirus abre para a nosa axenda científica, todos os temas novos que se deben tratar para construír un futuro radicalmente diferente.

Comentarios