xoves 21/10/21

Viaxar

Fronte a algunhas previsións catastróficas, a saída lenta da pandemia supuxo unha impresionante reactivación do turismo, das viaxes por descanso e lecer. Débese recuperar o discurso da esquerda, dos sindicatos, que tanto axudaron a crear o turismo de masas: o dereito ás vacacións remuneradas permite saír do cotián, coñecer outros lugares como forma de cultura, ser un pouco máis viaxados e cosmopolitas, e axuda a superar as angustias dunha vida laboral pautada. Os ricos sempre se beneficiaron do turismo, das diversións, a novidade do século XX foi que millóns de traballadores e de clases medias accedesen a el. Isto, aínda que o turismo de masas moitas veces nos desespere e degrade determinados destinos. Neste verán tamén tivemos esa impresión cando Galiza se encheu de turistas de territorios próximos, e cando poboacións como Santiago de Compostela ou bastantes das Rías Baixas volveron masificarse a niveis pouco tolerables. Neste casos, fai falla formular indicadores de capacidade de carga para limitar unha turistización excesiva. En calquera caso, e impondo medidas de corrección destes excesos a conclusión é boa, viaxar constitúe unha necesidade primaria dos homes e mulleres contemporáneos, que escapan do seu domicilio habitual cando fai bo tempo e poden.

Dun xeito diferente ao que foi o comportamento deste verán, eu viaxei, pero a outros países sen dúbida menos demandados. Primeiro retireime á miña vila, a recuperar as paisaxes, as xentes e moitas sensacións que marcan a miña existencia desde unha vila da Ulloa. Logo estiven en Estambul, Moldavia, Transnistria e Odessa na Ucraína que da ao Mar Negro. Como nota á marxe, supoño que non gastei máis que no aluguer dúas semanas dun apartamento nunha localidade masificada do litoral.

Que descubrín? Que ratifiquei? Primeiro a soberbia e descoñecemento dos occidentais respecto aos veciños próximos. Todo isto no medio da retirada de Afganistán, e da grande humillación dos Estados Unidos e os seus aliados. En Istambul ollei unha gran cidade europea, a maior con 16 millóns de persoas. Con moi poucos velos nas turcas, moi secular e dinámica, atractiva para milleiros de turistas árabes, africanos ou do Leste de Europa que se senten desprezados ou coaccionados nas súas viaxes de lecer a Occidente. Non concordo nin con Erdogan, nin coa política antkurda oficial de Turquía, pero as mentiras repetidas sobre Oriente, e o Orientalismo, impresionan ao ver algo tan diferente en Istambul, en xeral nas cidades turcas. Recomendo coñecer Istambul, descubrir un mundo próximo a nós, pero cómpre ollalo coa perspectiva crítica dos meus admirados E. Said e Orhan Pamuk. Hai vós directos desde o Porto; son catro horas. 

Desde Istambul podes ir a moitos lugares, como descansar, escoitar romeno e beber bo viño en Chisinau-Moldavia. Este foi o comezo do meu periplo entre occidente e oriente, a UE e Rusia, con poboacións metidas no corazón dun conflito xeopolítico. Nun conflito, pero tranquilas e hospitalarias. Como os habitantes de Tiraspol, que queren seguir sendo rusos (soviéticos con estatuas de Lenin, e fouces e martelos nas súas rúas), no medio de Moldavia que quere ser europea e a moi pro-occidental Ucraína, tal e como a ollei. O de Transnistria non se arranxou porque a UE e a Rusia de Putin non se poñen de acordo; conxelada no tempo e máis rica (como Moldavia) do que din os datos macroeconómicos ao uso. En Ucraína recuperouse unha lingua que nós confundimos co ruso, Odessa volveu ao vello esplendor de cidade balnearia, culta e fermosa na beira do Mar Negro. O capitalismo entrou sen demasiados límites, as desigualdades entre un centro luxoso, e unha periferia rural e industrial moi pobre son evidentes. A competividade dos seus prezos, o trato e o patrimonio monumental, quizais faga que Occidente aínda teime en desprezar o que fica máis alá da UE por se se converte nun destino turístico, como esta cidade ucraína tan atractiva onde viaxar no canto da Costa Azul ou do Sol.     

As viaxes axudan a desmentir moitos preconceitos e manipulacións da información actual das medias. Permiten ollar culturas diversas, diferentes e curarnos de sentimentos de superioridade. Permite, en definitiva, comprobar que o noso mundo occidental, cristián e competitivo non é mellor que outros mundos do Oriente ou que progresaron na antiga URSS despois de 1917.

comentarios