Opinión

Ucraína (a terceira)

Opinión

Ucraína (a terceira)

Na miña colaboración do mes pasado supoñía que a Guerra de Ucraína estaría a punto de rematar estes días. Puiden equivocarme, porque un dos bandos (Ucraína e todo occidente), semella estar interesado en que o conflito se amplíe un tempo máis para debilitar a Rusia agresora que non está conseguindo cumprir bastantes dos seus obxectivos. Estados Unidos e os países da OTAN apostaron por incrementar o potencial armamentístico do goberno de Kiev e cada semana que pasa a súa capacidade bélica destrutiva aumenta. O xogo no taboleiro global favorece o bando occidental, moi animado por unha grande ofensiva comunicativa, que ademais topou como aliada unha serie de matanzas perpetradas polo exército ruso (é probable que os ucraínos protagonizasen algún episodio parecido, pero non saíu á luz).

Aínda que a miña posición sobre o escenario da guerra resulta entre escéptico e crítico, o que non cabe dúbida é que Rusia cometeu unha agresión inicial contra un pobo que decidira maioritariamente independizarse. Algúns cronistas que lin estes días sinalan que a loita prodúcese entre unha potencia media, Rusia, e toda a maquinaria militar da OTAN e Estados Unidos. Deducen que debilitar esa posición pode ser bo en base a suposicións da vella xeopolítica. E moitos xeógrafos pensamos que a vella xeopolítica ten que morrer, que o dereito de autodeterminación dos pobos debe regularse e prevalecer. Isto, aínda que algúns dos escenarios de conflito supoñan un reforzamento das posicións hexemónicas occidentais. Na maioría histórica dos casos, nin Estados Unidos nin os países europeos defenderon ou defenden a liberdade dos pobos, o que non impide que haxa algunhas contradicións tácticas como a da Ucraína.

Na guerra, Ucraína gañou claramente o seu dereito a sobrevivir como país independente. Agora, todo litixio redúcese só a un axuste de fronteiras no Donbass e na costa do Mar Negro. Os avances rusos semellan moito máis custosos do que se creu unanimemente ao comezo. Mesmo, nestes máis de dous meses de guerra nin se chegou a tomar totalmente Mariupol; case seguro que caerá, pero cunha retransmisión case en directo da masacre dos últimos resistentes. Neste escenario, a Rusia poden non compensarlle as ganancias. O exército ucraíno segue a bombardear as rexións prorrusas do Donbass e Lugansk sen que case ninguén se inquiete, e o argumento da infiltración nazi no réxime de Kiev non convence en absoluto.

As declaracións de guerra, as agresións militares e os intentos de demorar os acordos de paz constitúen claros exemplos de ataque dos gobernantes contra os intereses dos seus pobos. Así, para os rusos, neste momento o seu principal inimigo é o réxime de Putin, que os empobrecerá e illará, apelando a vellas posicións pasadas que, ou se deron baixo o zarismo autocrático ou cun réxime soviético, que en nada se parece ao capitalismo oligárquico de hoxe. Para os ucraínos máis esforzo bélico pode resultar contraproducente, atrasar a reconstrución e afondar na represión de certas voces disidentes. Ucraína sobrevivirá, pero o seu goberno terá menos calidade democrática que ao comezo da Guerra, aínda que remate formando parte da UE.

A pregunta final de toda esta serie de artigos sempre é a mesma. Que gaña? Segundo pasan as semanas Estados Unidos xorde como gran beneficiario do conflito. Non só porque o dólar se está a revalorizar fronte ao euro como nunca en anos precedentes, senón porque consegue recuperar o seu prestixio de hexemón global, cunha causa xusta. De paso, o aparato militar-industrial pode probar novas armas e sistemas de control (un xeito peculiar de I+D+i). E a guerra está moi lonxe do seu territorio. Como diciamos, China pode ser a outra gran gañadora, pero a reaparición da Covid en Shanghai e diversas cidades, semella absorber toda a atención deste xigante asiático, sempre con máis tendencia a ollar cara dentro do seu país que cara o panorama político internacional.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios