Opinión

Tomiño-Cerveira, no centro do noso

Ninguén de nós se imaxinaba que a segunda onda do COVID fose tan intensa. Seguramente, porque se confiaba que como en Asia as medidas tomadas fosen reducindo progresiva e definitivamente a pandemia. Tamén porque considerabamos que a ciencia médica é máis rápida e eficaz do que agora descubrimos. Por iso, seguimos en tempos de confinarnos na cidade, vila ou no país, e retornar ao próximo. Este retorno ao próximo posúe dúas virtudes. Fainos valorar mellor o lugar de onde somos, desenvolvendo unha especie de topofilia. Ademais, permite que nos centremos en aspectos e políticas realmente importantes para Galiza.

Por iso, vou falar das moi positivas sensacións que saquei da miña recente viaxe a raia miñota para participar nas II Xornadas de Amizade Tomiño-Cerveira. Desde os gobernos locais deses dous concellos hai case quince anos que se abriu unha vía de cooperación. A mesma traduciuse na conformación dunha Eurocidadade e sobre todo nunha axenda de traballo conxunto de dúas localidades que botaron demasiado tempo separadas pola fronteira estatal e unidas pola actitude da xente (a confrontación entre as comunidades e os Estados-nación contemporáneos, que lembra P. Godinho). Cerveira e Tomiño posúen un dos agros máis fértiles do Noroeste peninsular, un río rico en lampreas, sables e angulas, dispoñen de abundante solo empresarial que atraeu numerosas firmas fabrís, contan con tres núcleos de trazos urbanos e partillan servizos. Constitúen un exemplo do rural vivo, dos territorios situados fora das áreas urbanas que aínda conseguen gañar poboación. Un exemplo ben entendido de desenvolvemento endóxeno, no que o Miño non é unha fronteira que define dúas periferias, senón unha raia húmida e atractiva, que afirma un novo centro baseado no respecto e a cooperación.
A forza do exemplo materializado hai anos permitiu obter varios proxectos POCTEP e impulsar o traballo conxunto.

Por suposto, a boa xestión destes proxectos non pasou desapercibida para os poderes públicos, en particular do lado portugués, que se envorcaron na celebración desta Xornada. Á mesma asistiu a Ministra de Cohesión Territorial e a Comisaria de Cohesión da Comisión Europa, a portuguesa Elisa Ferreira. A importante presenza de líderes lusas na xuntanza fixo que ademais do presidente da AECT Eurorrexional, habitual nestes foros, tamén estivera o Presidente da Xunta A. Núñez Feijó. E probable que a súa presenza se xustificase pola da estrela política da tarde, a Comisaria Europa da que dependerán tantos fondos que nos próximos anos chegarán ao noso territorio. As palabras tanto de S. González, alcaldesa de Tomiño, como de F. Nogueira de Cerveira, demostraron un gran coñecemento desde a gobernaza local da estratexia da UE para o 2030. Tamén nos deixaron claro como construír un futuro sustentado na cooperación. A actitude participativa, de atención e de respaldo tanto da Comisaria como da Ministra durante dúas horas dun venres tarde, reflexa até que punto se fan ben as cousas desde Tomiño-Cerveira.

Pero había algo máis, que para todos os galegos é substancial. A Ministra portuguesa dixo que o seu goberno por fin se decatou da necesidade de mudar as prioridades de comunicación intrernacional de alta velocidade e que desde estes días priorizouse o eixo ferroviario Lisboa-Porto-Vigo, fronte ao Lisboa-Madrid. Isto é a primeira gran nova de que o corredor atlántico ibérico se pode construír, articulando por fin a área máis urbanizada, industrial e con máis sinerxías económicas da Península. O Atlántico é o noso centro para organizarnos cono un territorio chave nas conexións marítimas e terrestres. Basta de mirar tan obsesivamente aos enlaces coa Meseta, e procúrese antes levantar unha grande rexión metropolitana Vigo-Porto, que unha hipotética comunicación materializada a través de moitas áreas rurais baleiras con Madrid. Porque ademais, as infraestruturas ferroviarias son para as persoas e para as mercadorías, e non só dirixidas ás clases medias e acomodadas como moitas veces se definiu como clientela albo do AVE. Até Feijó aplaudiu a decisión do goberno portugués.

¿Sería por quedar ben coa Comisaria europea? ¿Por qué como dixo Portugal debe ser prioritaria fronte a Madrid? ¿Ou porque non agardaba aprender tanto de políticos locais do Miño e da república veciña a quen debemos seguir cada vez máis nas súas formas de xestionar o público?

Comentarios