Opinión

Tempo de exames. Tamén do currículo educativo

Como pai dunha moza adolescente, estas semanas vivín un fin de curso que me lembrou os da miña mocidade. Cargas, estrés, sensacións de que o tempo non chega e pouco cariño a contidos que en condicións normais nos serían atractivos. Ademais, hai anos fun ensinante de secundaria, xusto cando a percepción intensa desta particular primavera estudantil se sentía moito máis que agora con estudantes universitarios. Non sei se é necesario este pequeno trauma do fin de curso. En todo caso, penso que estar preto da miña filla me axuda moito a reflexionar sobre que cousas van ben no sistema educativo e que outras se quedan fóra de tempo.

Un elemento que aínda recuperou algo máis o meu interese pola educación foi o debate que se organizou sobre a existencia ou non dunha materia de Xeografía e Historia de Galiza digna. Semella que as reivindicacións de facela presente e a sensibilidade dalgúns responsables públicos van conseguir unha existencia máis visible da mesma que até agora. Con todo, a outra cuestión segue pendente Que é Xeografía e Historia de Galiza? Por que van unidas se teñen tan pouco que ver? Eu penso como xeógrafo que a miña disciplina serve ante todo para coñecer ben a contorna, desenvolver unha sensibilidade e respecto da mesma, abordar os seus problemas como o cambio climático, as migracións, o avellentamento, a destrución da paisaxe; en definitiva, o ordenamento do territorio. Todo o que consiga levar do próximo ao país (a Galiza), terá interese. Coa historia teño máis dúbidas, o ensino de feitos e memorístico non serve, pero saber a orixe da propiedade da terra, as causas do mantemento dunha cultura propia, as semellanzas con Portugal e as ideas históricas de nación axudan, mais cómpre ordenalas dun xeito non necesariamente cronolóxico.
De feito, penso que as redes e a sociedade da información introduciron demasiados cambios para que o ensino siga con tan poucas mudanzas. Se quero saber como ir á Limia podo ollar un mapa polo meu móbil, se calculo canto tardo en chegar a Lisboa e canto me cobrarán en peaxes tamén. Entón, non fai falla ter memorizado o mapa, senón coñecer os recursos que permiten consultalo. Isto unido a unha forte sensibilidade territorial, fará que ao final non volvamos tanto ao mapa ou aos nomes dos accidentes xeográficos, porque xa teremos interiorizados eses saberes tan importantes.

No proceso de ensino-aprendizaxe da xeografía, como das ciencias naturais ou da literatura, o importante é ter conciencia de que dúas escalas o rexen todo: a local e a global, coas súas intermediacións nacionais, tamén rexionais. O local é o espazo de vida e dos afectos, o que tan ben explicaba Neira Vilas para a Galiza rural tradicional nas memorias dun neno labrego. Agora ao mellor sería nena e urbana, pero o sentido do lugar e do próximo é a base para aprender xeografía, bioloxía, literatura, etc. O global é a escala que determina as nosas vidas: a ameaza ambiental, a guerra, o dominio do capital financeiro, etc. Non podemos abstraernos das dinámicas de ámbito mundial, pero as estruturas supranacionais, nacionais ou metropolitanas das que nos dotemos para xestionalas, posúen unha enorme importancia. Como na literatura ou na botánica, os referentes e as explicacións son globais, pero logo que Manuel Rivas ou o respecto polas árbores senlleiras nos sirva de mediación concreta sobre os valores da liberdade ou do respecto pola natureza, tamén é moi relevante.

No fondo, o ensino debe servir para facer cidadáns implicados e sensibles coa contorna na que viven. Este obxectivo sempre aparece influído por outro grande condicionante, que os nosos estudos sirvan para o emprego. E moitas veces comezamos coa mercantilización formativa desde moi cedo: se non obtés determinadas notas nunca serás médico ou enxeñeiro de comunicacións, entre outras. Cómpre quitar presión capitalista sobre os logros a acadar polos nosos adolescentes, que despois de rematar o curso deben ler, ir de festa e pasalo moi ben coas súas amigas e amigos. Non esquezamos nunca que algúns dos mellores sistemas educativos do mundo, basean o seu éxito en formar a persoas felices, responsables co seu país e  preparadas para adaptarse a un mercado laboral que acelerará s súas mudanzas nos próximos anos.

Comentarios