Opinión

Tempo de encrucillada

Durante estas semanas, semella que a segunda vaga da Covid-19 se achega ameazante. Aínda que todo tentou volver á normalidade despois dos meses de confinamento, calquera actividade ampla de grupo, calquera viaxe ou calquera celebración tórnanse un perigo para a nosa saúde, pode comprometer a saúde colectiva. Pouco se di de que o sistema sanitario público debía gastar moitos máis recursos contratando rastrexadores da pandemia. A responsabilidade segue sendo nosa segundo a narrativa oficial, pois os gobernos só responden cando a crise xa se produciu. 

Nesta contorna de medo difuso e chamadas á responsabilidade, sempre xorde a pregunta, volveremos ser os de antes? Que cambios desta época do capitalismo científico quedarán para sempre entre nós? E as respostas ás dúas cuestións non son doadas. Por iso, estamos nun tempo de dúbidas, de encrucillada. Algunhas cousas quedan fixadas da crise: é necesario máis gasto público para intervir na sanidade e para facer fronte ás consecuencias das crises económicas. Os problemas son colectivos e as solucións individuais non semella que aporten moito. E a ciencia, a incerteza ambiental, pesarán moito máis na nosa toma de decisións. Eu son dos que pensan en que volveremos viaxar, ir ás festas e abrazarnos, pero sempre nos quedará un remorso de cautela, de disposición a suspender esas actividades se outra alarma empezase a soar. Que mudanzas? Máis reunións e emprego do dixital sen dúbida, máis teletraballo e máis fogar. Máis volta ao lugar e identificación coa comunidade, co país propio. Pero se a crise se supera pronto (e teremos vacina en meses e mellora continua dos tratamentos), moitas cousas que fixemos en 2020 quedarán como unha lembranza estraña.

Pasando ao plano das cuestións políticas xerais, de alcance mundial, debemos facer unha valoración xeopolítica. A estas alturas da historia, a China gañou aos Estados Unidos na pugna polo liderado mundial. Para ser máis xustos, digamos que a hexemonía de Asia (sen India) neste século asiático, se reforzou. Saben combater mellor as pandemias e probablemente son máis eficientes ca nós fronte a calquera crise que xurda. De Europa aínda non sabemos como sairá. O cumio de Bruxelas volta ser o vaso medio cheo/baleiro. Mellor que coas medidas hipermonetaristas anticrise de 2010, mais o tufo de que o Mercado Común está por enriba dos cidadáns, das persoas, e que as sociedades do Norte seguen a ser supremacistas, continúa. E na planificación económica algunhas nocións fican claras: cómpre domesticar o crecemento excesivo do turismo e optar por desenvolvemento industrial autosostido, baseado sempre na innovación.

No plano do noso país, dos nosos lugares de afectos, a crise é politicamente conservadora. Consolida o que hai, se ben aqueles máis comprometidos coa terra, cos seus recursos e coa xestión reforzada desde o público medraron moito. Semella que as eleccións do 12 de xullo serviron sobre todo para definir os dous grandes contendentes, os dous modelos de país (aínda que o xeito de defendelos sexa moi suave), que pugnarán nos próximos catro anos. O modelo nacional, centrado no propio, que procura ecoloxía, máis igualdade e reforzamento identitario, fronte a un rexionalismo que muda de intensidade segundo conveña, que procura que nada mude e que procura sosterse desde un reforzado asistencialismo ben empaquetado e vendido. A saída da crise da Covid-19 debera significar a volta pura ao combate político, agora marcado por unha depresión económica acrecentada e da que se sairá con grandes sacrificios.  

Como tratei de comentar, estamos nun tempo de encrucillada. Unha encrucillada que agardemos sexa o comezo da vitoria definitiva sobre a pandemia da Covid-19. Que a mesma sirva para deixar de inculparnos por algúns comportamentos humanos. Que sirva tamén para reforzar o público na xestión dos servizos e do benestar colectivo. E que finalmente se abra unha vía para cambios en profundidade, que alumeen unha Galiza nova nun mundo policentral, que mudou cara a un maior respecto polos pobos e a culturas diferentes.  

Comentarios