Opinión

As singularidades do nacionalismo español

Cando falo de nacionalismo póñome emotivo, fronte á seguridade que sinto referíndome a clases sociais. Por iso, quero que estas liñas se entendan desde ese punto de vista, como un conxunto de pensamentos un pouco menos sistemáticos. Neste senso, debo partir de varias experiencias que tiven en Portugal, con colegas dese país veciño. Todos seguiron con enorme atención o que acontecía en Catalunya no 2017, todos de xeito velado apoiaban os cataláns, pero ninguén o dicía nun comezo. Só nun entorno relaxado, cando xa tomaramos algo de comida e viño, empezaban a abrirse. E refírome a profesores distinguidos da miña disciplina e a algún intelectual. Conclusión persoal, moitos portugueses seguen tendo medo de España, da súa vertente agresiva e anexionista, mesmo pasados máis de 350 anos da Guerra da Restauraçâo. O temor permanece e, aínda que moitos saben da existencia de Galiza, da súa lingua irmá, prefiren refuxiarse na denominación, para eles aséptica de España e evitar problemas.  

O que acabo de comentar lembroume o significado ameazante do nacionalismo español, que se recrea co tema dos indultos aos presos políticos cataláns.

Fóra de Turquía, ningún representante político europeo electo está encarcerado polas súas opinións ou por actos que non implicasen un chamado á insurrección. O delito de rebelión existe, para cando unha parte do exército ou civís armados se levantan contra o poder. Pero o de sedición é un resto do ordenamento legal hispano de hai máis dun século. Polo tanto, unha figura xurídica estraña en Europa, que explica que as ordes de extradición de líderes do procès foran até o momento rexeitadas. Agora, cando o Goberno de Madrid prefire a vía morna dos indultos (lembremos que os presos/as levan máis de 3 anos e medio privados de liberdade) o agresivo nacionalismo español, formado por unha coalición das dereitas, a extrema dereita e líderes históricos do PSOE, pon o grito no ceo. Saben que non pararán os indultos, pero a política sustentada no lema “a por ellos”, manterase. Moitos soberanistas de fóra de Catalunya conteranse antes de expresar publicamente as súas ideas e as bandeiras do bando vencedor da Guerra Civil volverán colgarse de algúns balcóns.

O importante é manter unha idea de España que implique medo, xa que o estado autonómico imperfecto do 1978 non vai moi ben e Madrid segue a absorber parte do excedente de riqueza xerado na periferia. Isto non absolve totalmente o movemento soberanista catalán, que cometeu unha serie de erros, sempre acrecentados nun contexto de presión externa sistemática da prensa. Eses erros derivan da fractura entre diversas correntes do soberanismo, que fraxilizan o funcionamento dos gobernos. Uns gobernos de calidade media, que non poden ser aínda comparados pola súa eficiencia cos modelos vasco ou escocés, que desde unha excelente xestión cotiá conformaron unha ampla base de apoio ás súas políticas, esteamos máis ou menos de acordo con elas. 

Pero volvamos para rematar ao nacionalismo español, que tivo defensores sobranceiros da esquerda como I. Prieto, aos que agora a extrema dereita hiperespañola tenta borrar das rúas e prazas. De feito, cando se enxalza a idea de España rexorden as formas fascistas ou postfascistas exaltadas. Pode ser a identificación da idea unitaria de nación con réximes autoritarios, de Primo de Rivera a Franco. Pode ser a construción dunha comunidade histórica imaxinada (como di B. Anderson) onde os heroes son personaxes como Felipe II, El Cid ou Fernando III, todos guerreantes mesturados con mercenarios, que non razoaron en exceso; foron homes (masculinos) que actuaron contra o outro desde os sarracenos, os traidores, os franceses ou os protestantes. É certo que o símbolo nacional desa nación, o apóstolo Santiago, foi aproveitado por moitos deles para berrar “cierra España”. Debemos liberar a Santiago o Maior sen dúbida, pero sobre todo hai que facer unha análise sistemática dos porqués dunha imaxe do nacionalismo español historicamente moi violenta, intolerante e autoritaria, xa que coñecer ben os mecanismos que a constrúen axudaríanos a quitarnos os medos atávicos fronte á España que aínda os portugueses independentes conservan dos veciños radicados a partir de Castela e de Madrid.

Comentarios