Opinión

Sobre a reaparición de Galicia no debate político

Galicia, capital Madrid? Non Grazas

Cando fagamos contas deste último sexenio das nosas vidas, sen dúbida lembraremos que o mesmo tivo moitas cousas desgrazadas, terribles, á marxe da autonomía vital que cada un de nós conseguiu manter.


Galicia, capital Madrid? Non Grazas

Cando fagamos contas deste último sexenio das nosas vidas, sen dúbida lembraremos que o mesmo tivo moitas cousas desgrazadas, terribles, á marxe da autonomía vital que cada un de nós conseguiu manter. Unhas desgrazas que arrancaron dunha crise económico-financeira que os poderes globais nos impuxeron, que a ideoloxía dominante transmitiu, e que consistía en repetirnos que viviramos por enriba das nosas posibilidades, que gañábamos uns salarios elevados, que posuíamos uns contratos ríxidos (isto é, protexidos de despedimentos arbitrarios), e que nos endebedaramos con créditos, hipotecas, mercas irracionais de bens e produtos, independentemente de que o fixeramos ou non. Así, unha fonda ofensiva do capital á que malamente resistimos nos recortou os soldos, moitos dereitos, nos fixo pagar a débeda das entidades financeiras e nos meteu o medo de que se non nos comportabamos as cousas aínda poderían ir peor. 

"Nesta batalla que perdemos introduciuse, como non podía ser doutro xeito, unha variante política española á narración dominante: o estado das autonomías despilfarrara"

E nesta batalla que perdemos introduciuse, como non podía ser doutro xeito, unha variante política española á narración dominante: o estado das autonomías despilfarrara, o gasto das periferias (normalmente en sanidade, educación, servizos sociais, etc.) era intrinsecamente negativo para a estabilidade económica; había que volver a un Estado-nación como deus manda, máis centralizado, coas competencias chave controladas desde Madrid, responsable sempre do equilibrio orzamentario, a fixación de prioridades de gasto e a nosa interlocución co exterior. Este argumento de base, complementouse nos últimos tempos cunha intensa campaña mediática conservadora (o 13Tv, Intereconomía, TV1) ou progre (a Sexta), que colocou o debate político no foco de atención dunha sociedade desencantada, enfadada e escandalizada, pero sempre con actores que viñan ou exercían desde Madrid, os do PP, PSOE, IU ou UPD, aos que se engadiron as novas estrelas de Podemos e Ciudadanos. Do resto, dun discurso crítico contra a crise e a recentralización elaborado por cataláns, vascos ou galegos nada. A nosa capital sentimental, de imaxe e de narración hexemónica foi Madrid; a cidade cerne dun estado xa totalizante e totalitario nas nosas representacións que provocou o auxe do soberanismo catalán ou vasco como reacción, pero que convenceu intimamente a moitos de que Galicia como escala pertinente para outra política económica máis xusta non existía.

Desde as novas representacións, modernas, atractivas e fotoxénicas, da España unitaria conseguiuse aparentemente moito máis que a tradicional narración da unidade nacional que, como nos lembra, J. Álvarez Junco se inventou no século XIX, cunha variante liberal e outra católico-conservadora. Madrid o centro dun debate aberto, o referente internacional das mobilizacións cidadás contra a crise e do movemento dos indignados, dun crecemento económico postcrise admirado en toda Europa e berce dunha cultura política aberta que se albisca de cara ao futuro. Ademais, a nova política (con estruturas como Podemos e Ciudadanos), eliminaría a moi negativa dependencia dos gobernos centrais da chantaxe nacionalista vasca e catalá, como tivera acontecido desde a transición democrática. Un xogo a catro, para un novo país e unha nova capital en auxe; onde só uns cantos deputados de ERC, Bildu, BNG e algúns valencianos, ou ocasionalmente aragoneses, expresarían a disidencia ao sistema, unha disidencia declinante segundo estas representacións.

"O avance da esquerda e o nacionalismo en Galicia é impresionante, cunha conquista de localidades e vilas que antes nunca escaparan ao control do PP"

Pero moitas veces a realidade é testaruda, e o 24-M como un ano antes o resultado das Eleccións Europeas, móstranos un panorama moito máis diverso, plural e rico do que se trata de publicitar. Os vascos e cataláns seguiron imperturbables mantendo un maioritario apoio ás opcións soberanistas, cos reaxustes internos lóxicos de cada elección. Como adiantaba hai uns meses noutro artigo, Navarra virou cara a posicións nacionais e progresistas, e Valencia asiste a un crecemento impensable até hai pouco de Compromis, a opción política propia e nacional. O avance da esquerda e o nacionalismo en Galicia é impresionante, cunha conquista de localidades e vilas que antes nunca escaparan ao control do PP. Como xeógrafo, anímovos a que vexades o mapa electoral: houbo cambios, pero estes concéntranse nas nacións periféricas do Estado e nas grandes metrópoles; nas urbes e territorios máis centralmente españois e rurais, as mudanzas son pequenas ou limitadas. Entón cumpre lembrar que as auténticas rupturas no seo do Estado Español sempre posúen (e posuíron) unha compoñente nacionalista fundamental, por moito que procuren ocultalo. O labor persistente e poucas veces recoñecido dos deputados nacionalistas galegos, cataláns, vascos, valencianos e aragoneses tivo moito máis efecto do que se admite. Entrar e conformar novas maiorías no Congreso dos Deputados constitúe un paso fundamental para romper definitivamente co consenso constitucional de 1978 e para lograr o recoñecemento da soberanía nacional.  

Por todo isto, agora a vitoria electoral debe ser o inicio dunha nova etapa de ofensiva política e económica que fixe ben os seus obxectivos: o primeiro, mostrar que outra política económica é factible; o segundo, que o Estado Español é plurinacional e que o debate sobre a superación do consenso constitucional de 1978 debe comezar xa; o terceiro, e moi sensible para nós, que Galicia é un actor político de primeiro nivel. Os tres aparecen enlazados, non se poden desvincular en ningún caso (mesmo, nun exemplo pouco usual, debemos evocar que cando a nova alcaldesa alternativa de Madrid, M. Carmena, visitou Barcelona defendeu que todos os cidadáns tiñan dereito a decidir en que nación estar, en que escala desexaban ser gobernados). Volvendo aos nosos argumentos, o Sur de Europa debe demostrar que a rebelión contra os abusos do capital ten que traducirse nun novo rearme da economía pública, colectiva e autoxestionada, que poña couto aos procesos de acumulación por desposesión. Que mellore substancialmente as condicións de vida da maioría traballadora e que avance na prestación de servizos sociais. Sen dúbida, a Constitución de 1978 está morta. O modelo de réxime xurdido da transición non serve, como tampouco o Estado das Autonomías. E neste debate que se vai abrir resulta imprescindible que Galicia, ao mesmo nivel que Cataluña e Euzkadi, vexa recoñecidos os seus dereitos nacionais e á soberanía. Esta é unha batalla que se plantexará no corto prazo, e debemos estar aí. Por iso, resulta fundamental dar un forte salto na representatividade política do nacionalismo galego. Un nacionalismo que avanzou notablemente desde os 1990, cando os deputados do BNG (dous ou tres) chegaron ao Congreso. O seu traballo foi e resultou impagable para o país, tanto pola súa coherencia e claridade de posicións, como por mostrar que Galicia existe, pode ser un actor político de primeiro nivel. O BNG acumulou toda a forza da representación propia, pero agora estamos no inicio dun novo período.

"É preciso conformar candidaturas galegas, nacionais, de integración de diversas sensibilidades, cun obxectivo claro: posuír unha voz forte e nítida en Madrid, quizáis un grupo parlamentario, que sitúe a Galicia no centro do intenso debate político que se aveciña".

Cumpre preguntarse por qué? E a resposta é doada. A crise tamén conmoveu os alicerces da organización política tradicional. O Bloque era a casa común dos nacionalistas, soberanistas e moitos galeguistas do país, pero no presente a situación resulta máis complexa. A propia dirección do BNG xa o recoñeceu cando nas pasadas eleccións municipais optou pola forma BNG-Asembleas Abertas, dando entrada a numerosos independentes e mozos en listas conxuntas. E como todos sabemos, tamén hai nacionalistas, xentes que defenden a prioridade política de Galicia de xeito individual e noutras formacións, sexan clásicas ou froito de novos procesos denominados mareas. Por iso cumpre ser claros, é tempo de ofensiva política e de demostrar que outra forma de goberno resulta posible, do mesmo xeito que todas as propostas conxuntas de elaborar candidaturas para as Xerais deben ter como referente o país, ser elaboradas en Pontevedra, en Santiago ou na Coruña, nunca en Madrid, capital dun estado responsable dun recorte dos dereitos colectivos que se agravou nos últimos tempos. É preciso conformar candidaturas galegas, nacionais, de integración de diversas sensibilidades, cun obxectivo claro: posuír unha voz forte e nítida en Madrid, quizáis un grupo parlamentario, que sitúe a Galicia no centro do intenso debate político que se aveciña. Este último período moveunos a todos, fíxonos retroceder en moitos aspectos. Agora trátase de avanzar, de pasar á ofensiva, e a cidadanía estanos indicando que cunha gran candidatura galega, nacional e unitaria, sen dependencias externas, pode ser posible reverter o discurso de minoración do país e de deterioro económico que sufrimos nestes últimos seis anos.

Comentarios