Opinión

Os patios traseiros: unhas notas actuais

A expresión "patio traseiro" vén directamente do inglés (backyard), como non podía ser doutra forma. Aínda que o Presidente Monroe coa súa doutrina "América para os americanos" non trataba de afirmar máis que o dereito dos estadounidenses fronte á inxerencia reaccionaria do Congreso de Viena en 1820, moi cedo iso mudou. Con Th. Roosevelt e o "Big Sick" xa quedaba claro que México, toda América central e o Caribe eran o "patio traseiro" dos Estados Unidos. Unhas nacións nas que se podía mudar aos presidentes, tutelar e orientar a economía, e intervir mediante golpes de estado se se producía unha mínima desviación das estritas normas impostas (como en Guatemala en 1951). Neste senso, ampliar o espazo do "patio traseiro" a toda América e a boa parte do Oriente Medio non foi complicado.  

En calquera caso, estas consideracións políticas non son sempre estables. Así, os efectos das políticas inhumanas deseñadas nos anos 1970 en América Latina, co seu máximo expoñente do Golpe Militar en Chile, non se mantiveron. Ao xerar miles de mortes na represión foron contraproducentes e animaron un forte movemento antiimperialista, vivo aínda hoxe. O mellor é procurar formas suaves, democráticas, que permitan algunhas mudanzas sociais e certa independencia nacional, e que en todo caso non alteren as regras dominantes do capitalismo financeiro. Así se explica a evolución da maioría de América Latina desde o 2000, mesmo con Gobernos de esquerda, pero non a posición en Cuba (pola ofensa que supuxo a Revolución castrista). Mesmo nalgúns patios traseiros evidentes dos EEUU, como Honduras, déixase avanzar un cambio democrático cunha coalición de liberais e a esquerda, xa que o proamericano presidente conservador tiña, até agora, relacións co narco e foi incapaz de controlar o fluxo migratorio cara o Norte (algo que si preocupa).

En todo caso, nos últimos decenios obsérvase como esa expresión e esas prácticas se estenderon a outras potencias do concerto mundial, especialmente á Rusia de Putin. Hai uns anos Occidente consumou un xiro xeopolítico enorme, con evidentes elementos conspiradores en Ucraína. Había varias razóns para iso, un forte movemento cidadán contra as prácticas corruptas do Goberno e unha opinión pública dividida entre a proximidade á UE ou a Rusia. O xiro consumouse e a desrusificación foi un feito. Putin segue a considerar aos ucraínos irmáns e todo símbolo ruso/soviético é prohibido polo Goberno de Kiev. Este auténtico trauma para as autoridades do Kremlin explicaría que Rusia agora tente aplicar a política de "patios traseiros" en moitos dos países xurdidos da URSS. Apóstase por Lukashenko en Bielorrusia contra unha maioría da poboación e reprímense as manifestacións populares en Kazajstán. O trauma ucraíno segue e Rusia repite a vella xeopolítica occidental dos "patios traseiros", tendentes a tutelar países veciños que se consideran como propios en parte. Lembremos que nestas tutelas mutuas hai moitos elementos en común, como por exemplo a ilegalidade dos partidos comunistas tanto en Ucraína como en Kazajstán.

Se continuamos coa cuestión, e a escala das grandes potencias, hai unha excepción: China. O goberno de Pequín, máis alá dos seus intentos de reunificación con Taiwán, non tenta desestabilizar os países veciños, aos que percibe sempre como unha oportunidade de negocio. A doutrina oficial do país sintetízase na Iniciativa da Ruta da Seda, pola cal o país procura estender a súa influencia económica e comercial a todo o mundo, sen interferir en asuntos políticos internos. Esta estratexia de pragmatismo absoluto ás veces choca, como cando as autoridades chinesas recibiron unha delegación talibá. Non obstante, esta actitude mantén moito máis tranquila a Asia e reforza o anhelo da República Popular en converterse na primeira economía mundial e na nova potencia hexemónica.

Aínda que o modelo chinés sexa criticable noutros aspectos, está claro que as autoridades de Pequín se libraron dos erróneos conceptos da vella xeopolítica, de que para dominar o mundo hai que controlar estratexicamente certos territorios. Neses territorios viven persoas e as sociedades non pararán até que se lles recoñeza o seu dereito de autodeterminación, de constituír nacións soberanas. Haberá conflitos crónicos, e como están demostrando os patios traseiros, non serven para conseguir a hexemonía, que case sempre depende dunha superior eficiencia económica, combinada con certa innovación social.

Comentarios