xoves 15/04/21

Os debates

Neste comezo da primavera onde debemos quedar preto da casa, semella que pouco a pouco se abre paso a unha saída á crise sanitaria. A vacinación, lenta, avanza e sobre todo a sociedade adaptouse a un escenario de risco de contaxios. Na Galiza, semella que a cuarta onda non debería ser tan grave como as anteriores. É primavera sen desxeo completo, mais os debates xurdidos coa pandemia manteranse nos próximos tempos. No presente, cómpre cortar a chegada de foráneos ao país, sobre todo turistas, para que nada rompa un progreso no estado de saúde colectiva que está a custar moito.

A primeira dúbida, que mudará e que retornará nas novas vidas cando este longo período de todo tipo de limitacións se supere. Teremos uns novos felices e festivos anos vinte como despois da Grande Guerra ou o conxunto do impresionante discurso de enxeñería social ao que fomos sometidos permanecerá entre nós? O primeiro previsible é que cando poidamos sairemos, viaxaremos máis e recuperaremos o espazo de afectos colectivos interrompidos. En especial os novos que perderon un ano de mocidade normal, e que demostraron (a pesar de campañas de difamación de algúns responsables públicos) un nivel de educación cívica sobresaínte. Isto é o bo, pero o risco da perpetuación e extensión do teletraballo existe. E, como demostran os estudos, o teletraballo significa un incremento nos niveis de autoexplotación, cantas horas de máis alongo a miña xornada para rematar, canta electricidade e espazo consumo no meu ámbito doméstico que pasa a ser tamén da miña empresa. Teletraballo supón a fin previsible dos sindicatos. Como falo, interacciono cos meus compañeiros aos que só coñezo a través dunha pantalla? Pensemos que todas as crises son unha oportunidade para o capital de domesticarnos máis. Desenvolvamos unha alternativa contra o illamento laboral e a previsible precarización.

O segundo tema parte da constatación de que a crise mudou o mundo. Por iso, que elementos de debate xera a nova xeopolítica? Por unha banda, e os europeos autoenganámonos sempre nisto, confirmouse o triunfo de Asia, a reafirmación da súa hexemonía coa China á cabeza. Case todos os países asiáticos saen fortalecidos da crise e a China entrou coas súas vacinas na batalla global para rematar co virus, empregando intelixentemente as exportacións para favorecer a moitos dos seus aliados no Pacífico e no Sur global. Por outra parte, é certo que a Norteamérica de J. Biden está de novo, cun ambicioso programa keynesiano de investimentos públicos máis axudas aos vulnerábeis, que cumprirá avaliar con tempo. En paralelo, a liberalización do mercado (como no Reino Unido), axúdalle a vacinar antes. De momento, novos tempos e rearme ideolóxico e económico evidente. Por último, a UE sae mal parada. Supoño que os libros de historia incluirán algunha mención ao pésimo goberno da Comisión Europea que despois de conceder milleiros de millóns de euros ás multinacionais farmacéuticas, regateou no prezo dos medicamentos, retardou as vacinas e o inicio da recuperación económica. A boa idea da Europa unida tópase cuns déficits estratéxicos e de gobernanza moi rechamantes.

Finalmente, e sigo cunha teima xa expresada noutros textos, a produción de vacinas a partir da investigación farmacéutica de elite, controlada por corporacións multinacionais, pode estar ben se acada resultados, pero non é suficiente. Os chineses e os australianos aplicaron a innovación social e novos xeitos de goberno da crise, e cortárona cedo. Poden non gustarnos algúns métodos, pero a investigación de futuro ou é completa, con ciencias experimentais e sociais colaborando, ou quedaremos só en mans de respostas milagrosas e centralizadas. A ciencia no seu conxunto tamén debe contribuír a unha mellor organización do sistema sanitario básico, con máis persoal e medios, pero tamén con coñecementos médicos, sociolóxicos, psicolóxicos e territoriais integrados.

Sen dúbida, haberá tempo para valorar que aconteceu e como xorde a nova normalidade que nos agarda. Polo momento, interesa que non deixemos de debater sobre as nosas liberdades e dereitos nun contexto histórico onde semella que as crises continuarán repetíndose. Do mesmo xeito, que non perdamos a nosa ollada comprensiva sobre un mundo que xa non é Occidente e onde a resolución dos problemas non pasa só pola experimentación cualificada, senón tamén por moita Ciencia e investimentos sociais.

comentarios