Opinión

O fin da era Merkel

Desde hai case trinta anos que coñezo Alemaña, país que valoro pola súa orde, polo respecto activo ao ambiente e polo bo funcionamento dos servizos públicos. Resulta evidente que os alemáns e as alemás teñen unha mentalidade distinta á nosa. Sufriron o nazismo, a humillación da posguerra e construíron un estado de benestar. Gusto de cidades equilibradas como Colonia ou Hamburgo, e aprecio que dun xeito ou doutro os seus cidadás asumiron o liderado de Europa. Isto non é positivo nin negativo en principio, pero cando o goberno da CDU e Merkel definiu que a Unión Europea sería primeiro monetaria, cun euro forte, comezo a discrepar. Todos os sacrificios de moitos de nós entre 2009 e 2015 debéronse a este empeño en equilibrar unhas contas públicas que saíran no rescate da banca privada, sen recorrer a mecanismos como a desvalorización. Agora ninguén quere lembrarse disto e o Banco Central Europeo, con sé en Frankfurt, emite diñeiro sen parar abrindo unha etapa keynesianista (Por qué non se fixo isto hai dez anos? Non se podían evitar os castigos colectivos como a Grecia?).   

O paro en Alemaña baixou até niveis descoñecidos, pero os minijobs estendéronse por todas partes

A chanceler alemá A. Merkel que agora se xubila estivo detrás destas políticas, que combinaron ortodoxia financeira e relaxación, desigualdades sociais e integración. Con Merkel, Alemaña converteuse en líder de Europa, un continente rico e estable, pero máis desigual, como a potencia que a hexemoniza. O paro en Alemaña baixou até niveis descoñecidos, pero os minijobs (con salarios por debaixo dos 1.000 Euros para unha boa parte de mulleres a tempo parcial) estendéronse por todas partes. Europa autonomizouse respecto de Estados Unidos, pero segue sen autodeterminarse, aínda que manteña algunhas infidelidades con Rusia (o gasoducto do Báltico) e con China (o tren da ruta da seda). Tamén pechou as fronteiras, se ben nun xesto que honra a Merkel e á sociedade alemá acolleu a case un millón de refuxiados sirios, eritreos ou afgáns, cando outros países como a España de Rajoy recibía menos de 1.000. Alemaña agora é máis solvente, que era o que se procuraba, un pouco máis verde, mentres o desenvolvemento do Estado do Benestar non avanzou. Probablemente Merkel pase a historia, porque a historia tamén a escreben os grandes grupos de comunicación multinacionais.

Agora as urnas en Alemaña, como antes en Noruega, Islandia ou Groenlandia, viran un pouco cara a esquerda. Sen excesos, procurando cubrir ámbitos descoidados das políticas conservadoras, de inspiración merkeliana: hai que mellorar máis os servizos e o control publico da economía, acudir no rescate dos desfavorecidos e ser tallantes no respecto ambiental. Isto, sen dúbida, pode marcar unha nova orientación política da UE que non sería mala, cando menos permitiría desenvolver un capitalismo compasivo e centrado na calidade de vida. Non obstante, este xiro probablemente necesite dunha radicalidade maior. Por unha banda, a definición da cidadanía europea como un atributo de sociedades que pechan firmemente as portas á inmigración non debe manterse. Cumpre integrar a persoas chegadas doutros lugares, para que enriquezan as nosas colectividades avellentadas. Por outra, a proclamada transición verde debe coller unha velocidade moi superior ou teremos que mostrar arrepentimento cando a crise ambiental non sexa manexada. Por último, e non menos importante, haberá que demostrar como desde políticas moderadas e reformistas se pode controlar ás voraces corporacións globais e aos fondos de investimento globais, que non semellan respectar a ninguén e a nada (os pandora papers e a posición actual das eléctricas serven de exemplo evidente ao que estamos a dicir). 

Cumpre integrar a persoas doutros lugares, para que enriquezan as nosas colectividades avellentadas

Ademais, e non me canso de repetilo, estamos vivindo o declive de Occidente no escenario mundial. A Alemaña de Merkel demostrou que se podía vivir este declive con certa dignidade, cunha moeda forte e con algún humanitarismo puntual. Camiñamos para ser en boa medida o balneario decadente do mundo. Se non molestamos, ao mellor os emerxentes (con China á cabeza), respéctannos un pouco, como bo mercado de compra que somos. En todo caso, sería conveniente que unha Europa menos altiva no concerto mundial, liderase estratexias de acollemento de migrantes e refuxiados, marcase a vangarda no tránsito a unha economía ecolóxica e aportase algunhas leccións no control das grandes fortunas globais, moitas con orixe no propio continente.

Comentarios