Opinión

Norte-Sur, occidente e oriente

Persoalmente, non podo ocultar que son xeógrafo e que comprender o mundo é parte do meu ADN. Desde o día 1 de xaneiro estiven fóra e visitei Guatemala (onde se masacraron miles de indíxenas en 1980 e 1990) e México (onde se asasinan preto de 40.000 persoas ao ano). Uns países que ademais destes titulares son sociedades moito máis ricas e emprendedoras do que se podía imaxinar, ademais de situarse en territorios moi belos. Polo tanto, estiven fóra do Estado español cando a dereita decidiu abertamente camiñar a posicións fascistas do século XXI. E cando un curioso incidente acontecido en Bolivia a fins de ano me lembrou a importancia das narrativas Norte-Sur. Sinteticamente, uns diplomáticos españois visitan a embaixadora mexicana, na residencia da cal se refuxia parte do goberno de Evo Morales deposto por un Golpe de Estado. Unha visita diplomática que deriva en incidente cando manifestantes pro-gubenamentais (brancos crioulos a maioría) bloquean o coche da delegación española (pensando que facilitaban un plan de fuga dun ex-ministro) e aparecen os escoltas policiais (os GEOS), con dubidosa profesionalidade.

A cuestión é clara. Os diplomáticos teñen dereito a visitar a outros con escolta. Pero a limitación deste dereito xeral, porque domina o interese en apresar ao ministros refuxiados, deriva en tensión. A partir de aquí o goberno golpista de Bolivia acusa a España de neocolonialismo e a México de prepotencia. Retoma os argumentos de 500 de dominación e explotación económica (certos), porque no fondo as elites brancas de Bolivia sempre detestaron que un indio fose Presidente e que ao final non estea, co seu goberno, preso por rebelión e sedición (isto tamén nos soa). Un actor (aquí, un goberno) asume unha posición individual, e adxudica aos outros uns atributos, independentemente do que pensen os afectados. Para as elites brancas bolivianas un indio non pode gobernar, está xustificado depoñelo e apreixalo aínda que fose o candidato máis votado nas eleccións, e os que se interpoñan no camiño serán cómplices (mesmo colonialistas). Cabe dicir que cando a UE ameazou o goberno boliviano de represalias, os seus líderes remataron coa tensión (de novo, o Norte aplicando o gran garrote, neste caso só verbal).

Todo isto, e o tempo de viaxes, fixo que volvese consultar a monumental obra de E. Said, Orientalismo, onde se explica como a civilización europea, logo occidental, construíu un discurso histórico de menosprezo, ridiculización e incapacidade aos orientais. Resulta evidente que esta narrativa xustificou o colonialismo, tamén a islamofobia. Foi moi útil para xustificar o dominio político de Asia e do Oriente Medio durante máis dun século, co fin de explotar os seus recursos naturais e humanos. Occidente explica quen son os árabes, os indios ou outros pobos, sen ter en conta o que eles opinan ou fan. Isto é unha das chaves da dialéctica Norte-Sur, e que nos segue a dicir que os mexicanos e guatemaltecos son de seu violentos, e posúen problemas para crear Estados-nación eficientes. Se son pouco capaces, tampouco estará tan mal que sexan dependentes (de Estados Unidos ou a UE) e que agradezan as políticas caritativas de cooperación (para controlar a violencia, ordenar as migracións etc.).

En definitiva, a cultura occidental catalogou e caracterizou desde o século XV. Fíxoo para dominar o mundo baixo os principios da súa razón. Deste xeito, espoliou as riquezas e someteu aos pobos de boa parte do mundo. Non tiñan dereito autodeterminarse porque tendían ao despotismo e á indolencia. Cando por fin se liberaron politicamente son violentos, intolerantes por relixión ou corruptos. O Norte, e a cultura occidental, sempre se construíu para afirmar os seus intereses e negar os dereitos dos outros. Para dicirlles como deben adaptarse. Senón que llo pregunten, nun contexto un pouco especial, aos cataláns. Non podedes votar se non vos deixamos, porque seguides sen ter capacidade de decidir por vós mesmos, porque no fondo o voso pensamento é ilícito, nunca será desenvolvido.

Comentarios