venres 29.05.2020

As leccións e o testemuño de Mandela

Quizáis son un dos escasos galegos que tiven a honra de escoitar e ver a N. Mandela -Madida- en directo. Foi no 2002, en Durban na inauguración do Congreso Internacional da Unión Xeográfica Internacional

Para o inicio deste artigo dúas aclaracións previas. Primeira, son incapaz de escreber inmediatamente sobre a noticia. Por iso, preferín ser científico social a xornalista. E segunda, quizáis son un dos escasos galegos que tiven a honra de escoitar e ver a N. Mandela -Madida- en directo. Foi no 2002, en Durban na inauguración do Congreso Internacional da Unión Xeográfica Internacional (UXI) á que pertenzo. Alí fiquei conmovido polo líder. Por unha banda a aparencia do home, un vello, bastante encorvado (con problemas serios de costas, pensei eu, logo de 27 anos nunha húmida cadea), pero tamén a dun príncipe africano (ou un fidalgo).

Dixo que a Xeografía lle parecía un ámbito de coñecemento magnífico, pero que nunca se podería ser un bó xeógrafo se non se combatía a pobreza

Sempre que vamos a unha inauguración deste tipo é para non escoitar, porque apenas nos din cousas de interese, seguro por ver algún ministro, príncipe ou princesa, pero nada máis. Pero Mandela falounos. Dixo que a Xeografía lle parecía un ámbito de coñecemento magnífico, pero que nunca se podería ser un bó xeógrafo se non se combatía a pobreza, a contraposición entre ricos e pobres, entre países centrais e dependentes, se non axudabamos na redistribución xusta dos alimentos, na loita contra a degradación ambiental, na escolarización dos cativos, na racionalización da sanidade pública..., e así seguiu. Díxonolo ben claro, só seriamos bós xeógrafos se eramos críticos e se a nosa disciplina servía para mudar a realidade. E non nos deixou indiferentes, non foi unha inauguración ao uso; retornamos a unha mensaxe tan necesaria para nós. Logo na clausura volvemos á nova Sudáfrica, soou o himno da república xurdida do fin do apartheid cantado nas once linguas oficiais por un coro fantástico. Os sudafricanos entoaban algunha estrofa na súa lingua, logo calaban e outros sudafricanos comezaban na súa, etc. Ninguén era capaz de cantalo todo de seguido, só a parte do seu idioma propio.

A maioría negra gañara, impuxera o seu concepto de nación, sentíase orgullosa, vitoriosa, pero continuaba na pobreza na súa grande maioría

Nesa viaxe de 2002 visitei Cidade do Cabo (o Capetón dos mariñeiros galegos), Durban e subín aos montes Drakensberg até Leshoto. E Sudáfrica seguía sendo de brancos, negros, indios e coloured, cada un deles cun espazo propio, cun estatus económico diferente, con traballos polo xeral distintos e sen universidades autenticamente multirraciais. A maioría negra gañara, impuxera o seu concepto de nación, sentíase orgullosa, vitoriosa, pero continuaba na pobreza na súa grande maioría. De feito, contratamos un guía turístico negro (da nación zulú, que gañara aos británicos, como nos dixo) e pedímoslle que nos levara a un township, un barrio popular de Durban. Levounos ao seu, onde a xente vivía en contedores re-aproveitados do porto, dez, doce ou quince persoas en cada un. Moitos nenos, cada 8 ou 10 un moribundo, probablemente de SIDA (daquela a incidencia do SIDA superaba ao 10% da poboación sudafricana). Os contedores tiñan abastecemento de luz eléctrica e auga, pero había que pagala cunha tarxeta recargable con moedas. Cando remataba íase á luz. Xa gobernaba o CNA, pero os negros seguían sendo na súa maioría pobres, semellantes ás masas populares desherdadas de Latinoamérica. O noso guía contounos que cobraba a quinta parte dun indio da súa empresa e a oitava dun branco, polo mesmo traballo. En Cidade do Cabo e Durban xa viramos clase media e acomodada negra, pero non semellaban ser máis dun decimo do total das persoas da súa raza.

Agora once anos despois volvín, ao Guateng (a rexión de Johanesburg e Pretoria), a Cidade do Cabo outra vez e a Stellenbosh, na provincia de West Cape, perto da anterior cidade. Foi outra vez por un congreso de Xeografía, que se ía celebrar en Johanesburgo, pero que se realizou en Sandton, un suburbio branco e/ou de clase media onde non se apreciaba ningún problema racial, o barrio era limpo e ordenado como se dunha cidade europea ou norteamericana se tratase, e non se vían pobres-negros (só nalgunha rotonda ou vía das aforas, camiñando, recollendo lixo, etc.). Era evidente que nos levaran a unha comunidade tranquila, semi-pechada, a un núcleo satélite segregado da grande cidade, Johanesburgo, que puidemos ver ocupada case na súa totalidade por miles de negros, traballadores, pobres ou dunha precaria clase media, que seguían sen vivir cos brancos ricos, agora sí no centro das cidades que antes lles prohibira o apartheid. En Sandton había un magnífico centro comercial, ao redor da Praza de Nelson Mandela. Alí si había integración entre unha mocidade negra e outra branca, india ou mestiza. Semelloume que había máis negros que progresaran: as estatísticas din que até o 20% da comunidade. Pero logo en Soweto volvemos contemplar moitos chabolistas inmigrantes, xente en barracas de madeira e unha pequena clase acomodada, vivindo ao redor do turismo que xera a memoria da represión do 1976 (o asasinato de Bicko) e a casa de Mandela. En Cidade do Cabo, as diferenzas sempre semellaron menores, pero en Stellenbosh a cidade dos brancos, amantes do golf, con negros nos bares e discotecas, pero con moitos máis dos seus conxéneres vagando polas estradas, recollendo lixo, en numerosos e miserables townships. Como o garda de seguridade co que falamos, 300 euros de salario, sen seguro, e feliz por poder manter a súa ampla familia.

Ate aquí, e penso que me estendín un chisco, as miñas imaxes de Sudáfrica. Agora cómpre preguntarse, E Mandela, quen foi? Eu polo que puiden deducir, ler e ver, N. Mandela foi un loitador, a persoa que conduciu á vitoria a un pobo oprimido e que construíu a nova Sudáfrica baixo principios de igualdade diante da lei. Mandela entronca coa tradición de resistencia africana ao colonialismo, cos primeiros movementos urbanos polos dereitos civís (non esquezamos a influencia de M. Gandhi, tamén de orixe sudafricana) e cos postulados marxistas de loita de clases. O CNA foi, desde un comezo, herdeiro destas tres correntes ideolóxicas, pois a liberación nacional vinculábase directamente ao combate contra a desigualdade de renda. Cunha particularidade en Sudáfrica, que os antagonistas tamén eran sudafricanos (os afrikaners chegaran alí no século XVII e os británicos no XIX, coincidindo con grandes movementos dos pobos negros cara ao sur). Por iso, a loita foi máis encarnizada, queimas de pases, rexeitamento da segregación racial, folgas mineiras e loitas obreiras, movemento polos dereitos civís. E Mandela sempre actou como un referente dos que na defensa dos dereitos da maioría, uniu os principios anticoloniais aos de revolta social (encarnados neses momentos polos comunistas). Mesmo, antes de ser detido, converteuse no líder do brazo armado do CNA. Un loitador íntegro e consecuente, moi lonxe da imaxe edulcorada que algúns medios nos tratan de proxectar de el. É certo que cando foi presidente se entrevistou con reis e estadistas de todo o mundo, pero tampouco se pode esquecer que a súa loita pola dignidade atacou os piares do imperialismo británico e neerlandés (bos aliados dos racistas brancos até os 1990) ou da cruzada anticomunista de R. Reagan (que, como se vai sabendo, fixo o posible porque o réxime de segregación racial continuase).

Non obstante, o Mandela comunista e defensor da maioría negra fíxonos lembrar, logo da súa liberación, os principios humanistas que case sempre guían os combates contra a inxustiza social e pola descolonización. Cando unha revolución trunfa, numerosos medios de comunicación occidentais (do sistema), pasan a insistir nos axusticiamentos, purgas e todo tipo de desmáns dos vitoriosos. Sempre se xoga coa imaxe subxacente (pero moi efectiva) da represión estaliniana, das masacres en Cambodia ou de ridículos dirixentes orientais hereditarios. Estas imaxes adoitar ter grande suceso, fan esquecer que as loitas sociais e nacionais seguen o principio ilustrado da xustiza, da mellora das condicións para a maioría, da redución significativa da pobreza e da dependencia. Por iso, Mandela era máis conveniente se se comportase como Mugabe (corrupto, aferrado ao poder e vingativo cos terratenentes brancos), pero era máis intelixente, probablemente máis comunista no senso fondo desa palabra e xirou nas formas, para non mudar no fondo. Non arremeteu contra os brancos, nin contra os colaboracionistas do apartheid. Desde unha perspectiva diferente, exemplificou a reconciliación dun estado plurinacional (as nacións zulú, xhosa, africans, etc., seguen existindo), sen recorrer á vinganza (si a investigar os asasinatos, abusos de poder, nunha comisión pola verdade e a memoria). De feito, defendeu as posicións éticas dos antirracistas brancos que, como os premios nobel J.M. Coetzee e D. Lessing ou o lider J. Slovo, sempre apostaran pola Sudáfrica multirracial. Afirmou que as persoas, apesar dos seus erros individuais ou colectivos, teñen dereito a un presente e un futuro mellores. Ese nacionalismo e comunismo humanistas é o que proxecta a Madiba cara a historia, sen por iso renunciar a ningún dos seus principios, como nos deixou claro a moitos en 2002.

Agora cómpre facerse unha pregunta final. E todo isto serviu para algo? Que mudou en Sudáfrica e que permanece? Evidentemente o trunfo da loita encabezada serviu para moito. De entrada, para recoñecer os dereitos políticos, tamén sociais, da maioría. De paso, e isto é unha reivindicación democrática, pero non esquezamos que a democracia foi un trunfo das esquerdas (coa Comuna e a Terceira República en Francia, as repúblicas españolas, as sufraguistas e o voto feminino, etc.), para conceder os dereitos ás persoas. Quizais, onde aínda a Sudáfrica do século XXI se segue a semellar moito á anterior aos 1990 é na cuestión económica, das desigualdades. E un trunfo construír unha clase media negra e india, mellorar substancialmente os dereitos dos traballadores industriais e das minas, reducir notablemente a miseria e en menor medida as taxas de pobreza. Pero as desigualdades existen, e aquí volvemos ao cerne do capitalismo globalizado de hoxendía, porque é moi difícil desde un país do sur, dependente ou emerxente, mudar as regras do xogo económico-financeiro internacional. Unha política máis agresiva pode rematar nun ataque especulativo que pulverice as bases produtivas da nación, en particular se a economía está moi condicionada pola exportación de recursos (agrarios, mineiros, pesqueiros) a mercados de lonxe. Por iso, as medidas de redistribución social dos beneficios, de combate contra a pobreza extrema, de implementación mínima dun sistema público de saúde, etc., constitúen os pasos a dar para unha mellora progresiva da situación. Os cambios máis fondos, imprescindibles, só se producirán na escala global (cando os emerxentes teñan forza de romper co monetarismo xurdido de Bretton Woods, cando o sur gañe en tecnoloxía ao norte, cando as axencias de análise do risco estean en Pequín, en Johanesburgo ou en Río de Janeiro, etc.). En todo caso, a loita e testemuña de Madiba si serviron, para a dignidade dos sudafricanos, para mostrarnos que intelixencia, loita social e humanismo van da man, para que un fidalgo negro nado nunha aldea miserenta de East Cape sexa unhas das personaxes centrais do século XX.

comentarios