Opinión

Historia de dúas cidades

Despois dun mes de confinamento bastante duro e perimetrado no meu concello as fins de semana, non se me ocorría o tema sobre o que escribir. Estou canso, fatigado pandemicamente, nun mundo que cada vez máis fai a oposición de bos e malos. Vai ser boísima a vacina de Johnsons&Johnsons, son moi malos os mozos que quedan nunha terraza para falar e divertirse cos amigos, e ás veces baixan as máscaras anticovid (xa non hai dereito á mocidade).

Nestas, lembrei a novela de Charles Dickens, o seu título, e as recentes eleccións en Catalunya. Así mesmo pensei nas múltiples veces que fun a Madrid e a Barcelona, no que aprecio destas dúas cidades. Pero fundamentalmente do que as separa, a capital por excelencia, exaltada pola radialidade no século XX, polos gobernos autoritarios e centralizadores, que aínda agora mantén un forte carácter político conservador, cunha notable presenza da extrema dereita.

Por outra, a Barcelona mediterránea, moi activa economicamente, que non deixa de expresarse cara a esquerda e cun forte liderado dunha Catalunya que sempre reafirma a súa personalidade. 

Madrid e Barcelona son a historia perfecta de dúas cidades, que non entran moitas veces en guerra, xa que a oposición no fútbol axuda a sublimar as paixóns. Madrid definiuse desde moi cedo como a capital do Estado e todo o seu ADN semella mostralo neste atributo, como ás veces se encarga de lembrar Isabel Díaz Ayuso. Non tivo un proceso de industrialización doado, pero desde os anos 1930 e sobre todo no franquismo conseguiu mediante políticas dirixistas de estímulo acadar un tecido empresarial envexable. Concentra boa parte das compañías do Ibex-35, o substancial dos grandes bancos e das empresas con proxección internacional. A súa rexión metropolitana contabiliza máis de 6 millóns de habitantes no medio da España baleirada, segue a apoiarse no seu poder político estatal e nun rol de paraíso fiscal interno, factores que seguen a atraer conxuntamente diñeiro e investimentos. Pola súa banda, Barcelona resistiu e resiste con más de 5 millóns de metropolitanos a unha marxinación permanente desde o poder. Fica máis lonxe en tempo de Valencia que Madrid, pero conseguiu reter parte do seu poder financeiro e sobre todo industrial (desde farmacéuticas como Griffols até importantes compañías creativas e da comunicación). Foi resolvendo o tránsito da vella á nova industrialización endóxena, e segue a ser unha cidade bonita, atractiva, o principal destino turístico da Península con diferenza (a pesar do forte pulo recente de Lisboa).

Madrid gusta do mapa clásico de España, radial, onde todas as cidades e territorios dinámicos do litoral deben dirixirse a este centro construído polo poder antes de desprazarse a outra periferia. Unha lectura que impregnou á Xeografía oficial de España que sempre comezaba pola Meseta, as serras interiores, os rebordes da Meseta, as depresións do Ebro e do Guadalquivir, e os territorios e cordilleiras periféricas. Pero nesas periferias litorais residen preto do 70% dos cidadáns do Estado-nación, e está Barcelona. Unha Barcelona onde J. Vicens Vices nos dixo que era posible estudar a Xeografía de España de Norte a Sur, na dirección que sinalara a organización dos reinos na Idade Media: Catalunya e Valencia, Galiza e Portugal, Asturias, León e Castela. Unha interpretación tan válida como a anterior e máis acertada no plano cultural.

Por suposto, Madrid e Barcelona votan moi distinto. Distritos conservadores e ultras no Norte da primeira cidade, fronte a un Sur operario dominado polo PSOE e cada vez menos por Más Madrid e Podemos. Un conservadurismo apenas apreciable nos barrios ricos de Barcelona (Sarriá, Pedralbes, Guinardó etc.) onde gaña Junts. Unha Esquerra mellor distribuída territorialmente e maioría en distintos barrios operarios e de clase media, sempre en competencia co PSOE e uns Comuns máis fortes sempre na cidade. Sen esquecerse tampouco da forza da CUP, opción impensable en Madrid. Semella que dúas cidades similares no plano socioeconómico, na distribución por clases e rendas, expresan dous mundos opostos. A identidade, as ideoloxías derivadas da mesma explica moitas cousas. Como rematarán? Probablemente sigan competindo (e non só no fútbol). Tamén é posible que Barcelona chegue a ser unha capital completa, a reforzar o seu poder, e que as contradicións do Estado Español coa súa dopada capital, lle rematen pasando factura a este última. Sen dúbida, é posible que nisto me mande o optimismo da vontade fronte ao pesimismo da razón.

Comentarios