Opinión

Eleccións nos EEUU. Algunhas leccións

A fortunadamente, en máis dunha ducia de ocasións tiven a oportunidade de visitar os Estados Unidos, de California e Novo México a Nova Iorque, de Nova Orleáns a Chicago e Minnesota. Trátase dun país de paisaxes moi fermosas e cunha poboación realmente diversa, todo moi peculiar e particular. No fondo, sempre me animou a curiosidade de ollar o corazón do imperio e do capitalismo, coñecer a sociedade e comprender as estruturas de poder que deciden sobre as nosas vidas.

O resultado é contemplar unha sociedade desigual, partida polas súas crenzas e grupos étnicos, cuns centros urbanos espectaculares desde os que se pasa a barrios miserables en poucos quilómetros, cunha xente moi amable e educada, aínda que en numerosas ocasións leven armas e non se poida falar con eles o máis mínimo de política. Toda esta constelación imperial, hoxe en decadencia, celebrou a súa gran festa democrática a comezos de novembro. No artigo do mes pasado non había perspectiva para analizar, agora si. O primeiro que chama a atención da sociedade norteamericana actual é como 72 millóns de persoas poden votar un tipo tan impresentable como Trump. As razóns, e a coalición de votantes que logrou, son diversas, Desde unha maioría de ricos e acomodados que non queren pagar impostos (e hai bastantes) até conservadores estruturais, membros de numerosas seitas relixiosas, cubanos e venezolanos resentidos, pero tamén clase obreira branca ameazada pola globalización e novos ricos de procedencia variada.

O realmente importante do trumpismo é que sacou do armario unha dereita sociolóxica en coalición con damnificados da desregulación económica, sen auténticas referencias sindicais ou de esquerdas, para construír un novo modelo reaccionario, mesmo ultradereitista, sen complexos. Non se trata de algo novo, xa que Berlusconi ou a Fronte Nacional francesa marcaron o camiño, pero a magnitude e a perfección comunicativa deste referente fano máis perigoso e presente nas nosas vidas. Explica ben a agresividade do Goberno israelí, a criminalidade dos líderes saudíes e a eclosión de VOX, entre outros. E logo un de nós vai por Alabama e topa que os votantes de Trump son traballadores máis precarizados e peor pagados que os de aquí. Mais o trumpismo tamén xerou unha reacción impresionante. Nunca os liberais e a esquerda estadounidense foron tan fortes e estiveron tan organizados. Se reparamos ben, as manifestacións do black lives mattter semellan ás do Brasil, México ou Arxentina, sacando á rúa unha coalición multicolor que reivindica os dereitos civís e en sectores amplos unha corrección radical do capitalismo norteamericano.

O grande éxito de Biden e Harris consistiu en integrar toda esta enorme forza da esquerda sociolóxica, con demócratas de toda a vida e mesmo republicanos moi conservadores horrorizados con Trump. O resultado foi espectacular, nunca un candidato á Presidencia dos EEUU chegara a recibir case 80 millóns de votos. Agora a cuestión será para quen dos seus apoios van gobernar, para reconstruír a unidade rota da nación cerne do imperialismo ou para introducir fondas mudanzas sociais moi demandadas. Para corrixir as desigualdades ou para manter a ortodoxia financeira. A permanencia desta gran coalición, poderiamos chamala antifascista ou na defensa de valores básicos, é o grande interrogante cara ao futuro. Polo demais, o mapa electoral trouxo novidades. Unha, a diversidade étnica e cultural norteamericana cada vez conta máis nos resultados, aínda que moitos latinos votasen a Trump.

A poboación afroamericana é a máis consciente e mobilizada politicamente, e isto permitiu o soño de gañar en Xeorxia e por un resultado amplo na Minnesota de Floyd. Outra, os novos cidadáns de orixe mexicana ou centroamericana mostraron unha importante vontade do cambio, e isto expresouse en Arizona, Nevada ou Novo México. Por ultimo, o trumpismo tivo desencantados nas mulleres de clase acomodada das contornas das cidades (o efecto do me too) e en sectores da clase obreira tradicional dos estados do óxido (Michigan, Pensilvania, Wisconsin etc).

Con Biden-Harris podemos estar diante da máxima lampedusiana de mudar no aspecto para que nada mude. Pero os movementos sociais e políticos de fondo que mostran estas eleccións son moito máis transcendentes do que un simple resultado electoral amosa.

Comentarios