mércores 27.05.2020

Coronavirus, mes dous

Os mortos. A magnitude do desastre. Aínda que non existe ningunha estatística que non subestime o acontecido, no Estado español xa morreron ao redor de 25.000 persoas e en Galiza máis de 500, e seguiremos contando por centos, por decenas nos próximos días aqueles que nos deixan. O modelo de desenvolvemento capitalista e globalizado ataca continuamente o ambiente, os riscos de que a natureza devolva esta agresión (desde as alteracións climáticas ás pandemias víricas) son elevados, e manteranse de non mudarse radicalmente os parámetros do sistema económico. Morreron persoas nunha catástrofe sen precedentes. Pero sobre todo vemos o problema do avellentamento demográfico, morren moitos dos nosos maiores. Aqueles que non eramos quen de dotalos dunha morada digna, dunha residencia (pública) ou dun piso tutelado. Descubrimos como se xerou o negocio das residencias privadas e concertadas de vellos e vellas, con evidentes conexións empresariais co poder político. As residencias onde o afán de lucro fai que non se cumpran as mínimas normas sanitarias de protección, nin de privacidade dos aloxados. Dá a impresión de que o labor inspector público destes centros foi deficiente (conivencia empresa-poder público?). Agora chega a crise da Covid e a mortalidade dispárase.

O Estado-español non sabe contar. Decretaron o estado de alarma, mandaron a policía e o exército a patrullar polas rúas e a desinfectar, a identificar xente que ía dar un paseo ao monte. Centralizaron as competencias das Comunidades Autónomas ás que só informan de decisións xa tomadas. Pero algúns días non deron controlado o amoreamento no metro, tardaron en mercar centralizadamente material de protección para policías e persoal sanitario que se infectou nun grao superior do razoable. Vendéronlle algún material defectuoso. O Estado-español sempre me semella como o lema dese anuncio de colonia (vuelve el hombre), porque sempre quere anular a diversidade e o traballo de administracións próximas aos cidadáns que adoitan funcionar mellor. Non hai vontade de coordinación interadministrativa, de partillar como fan os estados federais (Alemaña, Suíza etc.) só ordenar a impulsos (retorno do carpetobetónico). E así chegamos ao desastre das estatísticas oficiais de afectados, de mortos ou de positivos porque o gran Estado-nación non sabe contar. Só sabe mandar tropas para desinfectar (podían ir bombeiros, servizos de limpeza etc.), multar a quen se lle ocorre ir ver unha finca para que non arda no verán, pero as regras básicas das matemáticas, dun tratamento estatístico respectuoso entre os que levan os hospitais ou os rexistros civís e os que necesitan dos recontos, aínda non se descubriu.

Estado policial. Enxeñería social. O confinamento pode ser necesario nesta altura, pero o acompañamento por un control (fascista!) dos comportamentos cotiáns e unha acción policial agresiva, non. En particular, cando unha enorme maioría da xente cumpre as normas, dá unha lección de educación colectiva. As identificacións á saída da casa, as imaxes onde te gravan paseando (ao mellor ías ao súper, pero xa es culpable), mostran o avance dos comportamentos fascistas. Os que na caza de bruxas en Hollywood permitiron que A. Hichkock filmase o Grande Irmán, unha historia a favor da delación. Por se isto non chegase, agora o tecnopoder dinos que poderemos movernos se activamos os celulares para dar a nosa posición. Realmente camiñamos cara a unha enxeñería de control que asusta. Por último, temos o triunfo da pospolítica: a necesidade de que obedezamos ao poder, dos grandes pactos de reconstrución, a interpretación do ben común desde Madrid e máis. O pensamento político crítico teno moi difícil nestas semanas. Só chega a denunciar o escándalo das residencias e as eivas da saúde pública, pero pouco máis. Todo o debate sobre o autogoberno, o desigual acceso aos recursos, as diferenzas territoriais da pandemia, quedaron ocultos nun escenario que nos ameaza con perpetuar o poder e con degradar as nosas condicións laborais e salariais uns anos, sen case protestas.

comentarios