Opinión

A ciencia e nós (seres sociais)

Rematamos o terrible ano 2020, que tamén foi denominado “ano da ciencia”. Sen dúbida, o poder acumulado por médicos, virólogos,… e grandes corporacións farmacéuticas, nunca chegou tan lonxe. Un sector dos científicos asumiu o poder, e os políticos representativos non cuestionaron o fundamental das súas recomendacións. O resultado, un ano 2021 cargado esperanzas. Unha esperanza baseada en campañas de vacinación masivas, que permitirán superar esta pandemia da Covid-19. As vacinas son un éxito científico e da humanidade, o principio do fin da crise sanitaria. Foron producidas non só no Norte capitalista, tamén na China e en Rusia. Non son o resultado exclusivo de homes brancos, occidentais e cristiáns. A doutora que abriu o camiño é unha húngara que tivo problemas de migración nos Estados Unidos, os donos de BioNTech son dous fillos de inmigrantes turcos na Alemaña.

O ano 2020 tamén foi o dos resultados espectaculares das multinacionais farmacéuticas en Bolsa

Pero o recoñecemento deste indubidable paso na loita contra a pandemia, debe acompañarse dunha pregunta ¿Qué ciencia venceu? ¿E a ciencia do capital ou é a ciencia diversa e democrática? O ano 2020 tamén foi o dos resultados espectaculares das multinacionais farmacéuticas en Bolsa. Semella repetirse o que teorizou Marx explicando os ciclos de acumulación capitalista: un primeiro baseado na produción industrial, o segundo na especulación inmobiliaria e o terceiro centrado na investigación. Este é o nicho de negocio actual, algo en principio bo, pero que esquece que a ciencia non é só experimentación, concentración de resultados en grandes centros de investigación multinacionais, sempre recompensados por fondos de investimento globais. A ciencia tamén é innovación social (por qué o rastrexo do virus funcionou en China e non en Occidente) e mellora da organización sanitaria, desde unha atención primaria reforzada até uns hospitais ben dotados con persoal estable.

Como nos di o economista Piketti, vivimos nunha era de propietarios ricos e Estados pobres. A Covid-19 reforzou esta tendencia, os accionistas de Pfizer e Moderna gañaron moito, e as nacións do noso contorno viron medrar a débeda pública. Polo tanto, cómpre alegrarse por conseguir unha vacina anticovid tan rápido, pero isto non arranxa o conxunto do problema e pode facernos errar no modelo de ciencia cidadá que necesitamos. Cando se fala de que o investimento en I+D debe duplicarse e que os servizos públicos necesitan superar un decenio negro de recortes, resulta evidente que a alta e sofisticada investigación debe manterse. Pero tamén que o sistema sanitario publico necesita de moitas melloras, máis centradas na capacitación e contratación digna de persoal especializado. Máis na proximidade ás persoas que na concentración en grandes recintos urbanos. Tamén hai que preguntarse por que non se investiu en Ciencia Social. Non está mal que os soldados axudaran no rastrexo de infectados, pero os soldados non saben ler datos masivos, mapas a escala de mazá ou modelos de comportamento social que facilitan a propagación da pandemia. Por iso, o exército debera axudar a centos de psicólogos sociais, sociólogos ou xeógrafos que probablemente terían protagonizado un rastrexo moito mellor a escala e de barrio, fronte ao moi deficiente que non evitou mortes e centos de enfermos graves. Varios colegas mostráronme mapas e planos de detalle, que fan posible (como na China ou en Asia) rastrexar a Covid-19. Case ningún deles foi empregado polas nosas autoridades públicas, a Ciencia Social foi marxinada nos proxectos de investigación contra a pandemia.

Debemos optar por unha ciencia cidadá, que non esqueza as diversas vertentes sociais e humanas das crises

Agora, cando comeza a fin do pesadelo, cabe insistir en dúas ideas. Debemos optar por unha ciencia cidadá, que non esqueza as diversas vertentes sociais e humanas das crises. Esta diversidade implica, sen dúbida, apostar pola investigación biomédica cualificada, mellor en mans públicas que privadas (e evitar escándalos como a venda moi beneficiosa de accións do Conselleiro de Pfizer a partir da súa información privilexiada). Tamén insistir en melloras organizativas e orzamentarias notables nos servizos públicos, moi en particular na sanidade de base, na que pode vacinar rapidamente a todos e todas. Por último, a Ciencia Social progresou moito no coñecemento dos comportamentos humanos, na súa cartografía; desperdiciar ou non avanzar no apoio a estes coñecementos tivo e terá consecuencias nas trazas de enfermidades e doutras crises que non debemos consentir de cara ao futuro.

Comentarios