Opinión

Capitalismo científico

Desde os meus tempos de estudante diferenciei o socialismo utópico da formulación que K. Marx denominou socialismo científico. Un pouco despois, comprendín que o capitalismo non era estático, mudaba, e que a súa última fase era o imperialismo (asociado coa globalización). Isto implicaba que ao capitalismo clásico (da época de A. Smith) lle sucedera outro liberal, un de corte keynesiano e nos últimos decenios un neoliberal. Pero semella que a globalización neoliberal que coñecemos até agora dificilmente superará, total ou parcialmente, os efectos da pandemia xerada pola COVID-19. Ninguén agardaba que un virus se convertese na ferramenta do cambio de fase no capitalismo serodio, pero agora comezamos a asimilar que probablemente o sexa.

Desde diversos enfoques, érase consciente de que a fase neoliberal do capitalismo tendía á crise. Non superaba os problemas da desigualdade. Ía cara ao colapso ambiental, traducido no cambio climático. E, para colmo, non era capaz de soster a primacía dos Estados Unidos fronte á puxanza chinesa, dos emerxentes. Pero foi precisamente na China onde se iniciou todo, onde a COVID-19, se manifestou até converterse en pandemia. Os occidentais pasamos semanas (de soberbia!) ollando como os chineses tiñan un grave problema. Como respondían con control social e autoritarismo ao mesmo, pero sen alterarnos porque de chegar o virus o noso sistema (sanitario?) estaba moito mellor preparado para responder. Nuns días de marzo todo se afundiu. A sociedade foi confinada na casa, a economía parouse, ao tempo que decenas de médicos e profesores universitarios comezaban a ocupar os tempos de emisión nas televisións, nas radios e eran consultados pola prensa. A ciencia apareceu como guía para salvar os países (o sistema) en como saír da crise e construír unha “nova normalidade”.

Por iso o meu título provocador sobre o cientificismo como última fase do capitalismo. Nesta fase a nosa vida é rexida por normas derivadas da razón científica, da necesidade de protexernos fronte a unha ameaza sanitaria que nos pode matar. A mobilidade, as actividades diarias ou o ritmo de produción foron guiados durante semanas desde consellos médicos xestionados por gobernantes. Mesmo o FMI ou as autoridades europeas (e isto é unha sorpresa), aconsellan que se incremente o gasto público en saúde, algo considerado un anatema hai poucos anos. Tamén se pensa que o futuro necesitará dun reforzamento da presenza pública na economía, como mecanismo para previr as fraxilidades que o capitalismo serodio trouxo consigo.

Pero non nos enganemos, fálase dun reaxuste na procura dunha maior eficiencia do mesmo sistema, desigual e baseado na posesión ou non de medios de produción. Ademais, este capitalismo científico implica un control estrito dos cidadáns, de como nos movemos, como saudamos ou nos reunimos. Se saltamos ese estado de excepción podemos ser sancionados ou, peor aínda, someternos ao escarnio por calquera imaxe proxectada. Para iso están as TIC, os big data que se basean no rastrexo de millóns de datos a partir da información que subministran os nosos teléfonos, tarxetas ou ordenadores. Tamén a ciencia acada protagonismo aquí para reforzar o control das persoas. Se a vida privada perdera boa parte do seu secreto e intimidade co progreso das redes sociais, agora aspectos esenciais da existencia como os desprazamentos ou a expresión dos afectos tamén poden ser obxecto de limitacións por orde superior.

A nivel político, o capitalismo científico gusta dos tecnogobernos, dos gobernos apolíticos ou moderados (que cada un entenda o que queira). Semella que a crítica ao poder se transformou nun labor eficaz e responsable (?) na xestión dos ERTE ou da división provincial. As posicións autenticamente críticas e de oposición decaeron notablemente (pensemos só na reacción puntual que provocaron os centos de mortes de persoal sanitario). Semella tamén que os ultraliberais, os economicistas (mirade para Trump, Jonhson ou Bolsonaro) tampouco pasan polos seus mellores momentos. Agora é a etapa da ciencia, da reconstrución, dos consensos amplos. Moito coidado!

Comentarios